A Xunta celebra o aniversario da Muralla como Patrimonio cun concerto de Isabel Dobarro

A Xunta de Galicia conmemorará o 25 aniversario da declaración da muralla de Lugo como Patrimonio Mundial pola Unesco cunha ampla programación cultural na cidade, que inclúe o primeiro concerto da pianista galega Isabel Dobarro tras recibir o Premio Grammy Latino ao Mellor álbum de música clásica por Kaleidoscope.
Esta actuación terá lugar na sede da Delegación territorial da Xunta en Lugo o vindeiro martes, día 25, ás 20,00 horas, con entrada libre e de balde, ata completar capacidade, e será unha das actividades principais dos festexos coas que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude buscará pór en valor a importancia non só para a cidade de Lugo, senón para toda Galicia, do recoñecemento internacional que obtivo o 30 de novembro do 2000 este Ben de Interese Cultural e única fortaleza romana do mundo que se conserva enteira.
Deste xeito, a programación do Goberno galego para esta efeméride abrangue actividades nos centros educativos durante toda a semana, que incluirá a elaboración, por parte dos escolares da cidade, dun mural que recompilará as súas orixinais e creativas felicitacións para a muralla, que se exporá no edificio da Xunta en Lugo.
Precisamente, nestas instalacións tamén se poderá ver, a partir do próximo martes, a exposición interactiva Voces da muralla. Esta mostra recompila vídeos da veciñanza lucense explicando a súa relación con este Patrimonio mundial. Procúrase, deste modo, facer partícipe a toda a poboación desta conmemoración, tendo en conta os estreitos vencellos afectivos existentes por parte da cidadanía con este ben, considerado non só un símbolo da cidade e de Galicia, senón todo un elemento vivo que percorren, transitan e cruzan, a través das súas dez portas, centos de lucenses a diario.
De igual forma, a Biblioteca de Lugo, integrada no servizo de Rede de Bibliotecas Públicas da Xunta, tamén será outros dos escenarios que se sumarán aos festexos dándolle visibilidade a unha completa mostra bibliográfica das publicacións existentes nos seus fondos, e en diferentes xéneros, sobre a muralla e a antiga Roma.
Actuación conxunta de máis de 160 acordeóns
Á programación conmemorativa da Consellería de Cultura sumarase un orixinal e grande espectáculo musical, conformado por máis de 160 acordeonistas provenientes de toda Galicia e de diferentes puntos de España, entre os que estará a agrupación Terras do Miño, integrada por lucenses que superan os 60 anos de idade.
Esta actuación conxunta terá lugar o vindeiro sábado, día, 29, no auditorio da Delegación da Xunta, ás 12,00 horas, con entrada libre e de balde ata completar capacidade. Pola tarde, a partir das 17,00 horas, as 13 agrupacións volverán actuar, pero nesta quenda xa por separado.
Finalmente, complementará a celebración unha conferencia do escritor Santiago Posteguillo, especializado na antiga Roma e Premio Planeta en 2018, pola novela histórica Yo, Julia, que terá lugar o 2 de decembro, ás 20,00 horas, tamén na sede da Delegación da Xunta.
O relatorio, que leva por título O corazón romano de Galicia: o pálpito dunha historia que non termina, afondará na chegada dos romanos a Hispania, en xeral, e ao noroeste da península en particular, incidindo na importante pegada histórica, cultural e social que supuxo a romanización de todo este territorio.