A Xunta celebra os Días Europeos da Artesanía con 32 actividades en Lugo, Ribadeo e Mondoñedo

A Xunta de Galicia conmemora os Días Europeos da Artesanía cun programa de 32 actividades que se desenvolverán en Lugo, Ribadeo e Mondoñedo en colaboración coa Asociación Lucense de Artesáns (Asolua), co obxectivo de divulgar os oficios tradicionais e reforzar o seu papel como motor económico e cultural. O delegado territorial en Lugo, Javier Arias, destacou durante a presentación o apoio do Goberno galego a estes sectores “como modelo de emprendemento ligado ao territorio e dinamizador do rural”.
A programación comezará este mércores día 8 no Forte de San Damián de Ribadeo, onde se celebrarán 13 talleres centrados en diferentes disciplinas artesanais. O venres será a quenda do claustro da Catedral de Lugo, que acollerá 11 obradoiros dentro da xornada “Oficios á luz do claustro”. Finalmente, a actividade trasladarase a Mondoñedo durante a fin de semana, especialmente o domingo 12, con oito propostas no pazo de San Isidro baixo o título “Oficios vivos entre muros de pedra”.
Trátase de actividades gratuítas e guiadas por profesionais nas que as persoas participantes poderán implicarse directamente na elaboración de pezas que posteriormente levarán consigo. Ao longo das sesións experimentarán con técnicas como o gravado, a estampaxe, o modelado ou a cerámica, empregando materiais como o coiro, a madeira ou os téxtiles. Segundo a especialidade escollida, elaborarán obxectos como chaveiros, moedeiros, pulseiras, máscaras ou broches.
Os obradoiros desenvolveranse en grupos reducidos, e os detalles e horarios específicos poden consultarse na páxina web dos Días Europeos da Artesanía. No conxunto de Galicia, a Xunta coordina e promove un total de 108 actividades repartidas polas catro provincias.
En canto á programación concreta, Ribadeo acollerá talleres de cerámica con Chus Lage, Esquina Atlántica, Artesanía do Pasatempo e Lucía Catuxo; de coiro con Raíces Nómadas e María Jul; de madeira con Madeira a man; de tecido con Miratú e de monicreques con Ton Arenas.
Na Catedral de Lugo, ademais das propostas de diversos obradoiros como Artesanía do Pasatempo, Esquina Atlántica, Fontemeimil, Fusaiola, LeCoop Víctor Montero, Miratú, Nova, Patapum e Portomeñekos, desenvolveranse actividades específicas como un taller de Enxógate para nenos e nenas maiores de 10 anos centrado na creación dunha figura autómata, e unha iniciativa colaborativa coordinada por Tres Caracoles para elaborar un gran rosetón a partir de pezas de coiro.
En Mondoñedo, o domingo 12 haberá obradoiros de olería con Esquina Atlántica, de cerámica con Artesanía do Pasatempo, de coiro con María Jul, de upcycling téxtil con Péndulo Artesanía, de madeira con Madeiraman e de serigrafía con Estudio Estampa. Ademais, o sábado desenvolverase un taller específico sobre os oficios tradicionais vinculados á la, como o cardado e a elaboración de fío.
Esta edición dos Días Europeos da Artesanía celébrase baixo o lema “Co corazón no oficio”, unha proposta que pon o acento no traballo colectivo, nas sinerxías culturais e territoriais e na vitalidade do medio rural, ofrecendo ao público a oportunidade de descubrir, coñecer e experimentar a artesanía de cada lugar.