A Xunta clausurou o obradoiro dual de emprego Salus Lugo

A Xunta de Galicia clausurou o obradoiro dual de emprego Salus Lugo, financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con 421.000 euros no marco da convocatoria de axudas a concellos para impulsar estas actividades. Na entrega de diplomas ao alumnado participou o delegado territorial de Lugo, Javier Arias.
O obradoiro ofertou 20 prazas en dúas especialidades con alta demanda: atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e intervención socioeducativa con persoas con discapacidade. Durante o programa, o alumnado desenvolveu un traballo remunerado en actividades de utilidade pública e interese social, prestando servizos en entidades como San Vicente de Paul, Aspnais e Cogami Lugo.
O delegado territorial destacou que estes obradoiros buscan incrementar as oportunidades laborais do alumnado, combinando formación teórica e práctica adaptada ás demandas do mercado laboral e en colaboración cos concellos. Ademais, explicou que a modalidade dual permite que varios participantes accedan a contratos en empresas da contorna vinculados ás ensinanzas impartidas, cunha duración mínima de tres meses a xornada completa.