A Xunta colabora coa organización das festas do barrio da Milagrosa

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, mantivo reunión con María José Meilán e Silvia Ríos, representantes da comisión de festas do barrio da Milagrosa, que informaron da programación que están ultimando para a primeira semana de setembro coa colaboración da Xunta de Galicia.
Os festexos celebraranse entre os días 3 e 7; comezarán co pregón do capitán do CB Breogán, Erik Quintela, e no apartado musical reúnen a artistas de diferentes estilos para chegar a todo tipo de público, con Mekánica Rolling Band, El Combo Dominicano, París de Noia, Airiños de Orbazai, Os Valuros, Herdeiros da Crus, DJ Casanova, Tapyoka, Uxía Lambona y la Banda Molona, Gin Toni´s, Costa Dorada e La Duendeneta.
Arias gabou o traballo realizado pola asociación para artellar este magnífico cartel, “que xa promete desde o arranque cun pregoeiro tan apreciado como Erik Quintela, que seguro atrae a moita xente”.
O delegado explicou que a Xunta colabora con esta e coas distintas comisións de barrios e parroquias que necesitan axuda para organizar as festas debido á dificultade que entrañan, nalgúns casos con orzamentos moi elevados que na súa maioría conseguen grazas ao seu traballo porta a porta e ao esforzo dos veciños e veciñas e dos comerciantes da zona.
Neste sentido, sinalou que “as festas dos barrios ou as festas parroquiais teñen un gran valor para a veciñanza, contribúen a crear comunidade e xeran retorno económico, polo que é habitual que as distintas Administracións favorezan o seu desenvolvemento aportando unha contía proporcionada á envergadura do evento”.
Arias lembrou que a Xunta tamén patrocinou a actuación de Louband na Milagrosa o pasado día 25, no marco dos actos do Día de Galicia organizados nesta ocasión pola asociación “Facer Lugo”, que foi un éxito absoluto de público e creou un gran ambiente no barrio.