A Xunta comezará o luns as obras de acondicionamento e mellora da estrada LU-710

LugoXa
Será desde a intersección coa N-VI e ata o enlace con A-6, no Concello de Baralla
estrada-baralla-lu-710
10 Ago 2024

A Xunta comezará o luns as obras de acondicionamento e mellora da estrada LU-710, desde a intersección coa N-VI e ata o enlace con A-6, no Concello de Baralla, que suporán un investimento de máis de 2,3 millóns de euros.

O inicio destes traballos precisará do corte total da estrada entre o luns ás 8 horas e o mércores ás 15 horas.

O obxectivo é a mellora da seguridade viaria na contorna, a través do ensanche e mellora desta vía no tramo que conecta a N-VI e a A-6, nunha lonxitude de 4,5 quilómetros.

A través das obras obxecto deste contrato, a LU-710, unha vez acondicionada, contará cunha plataforma ampliada a 7 metros de sección, sen incluír as cunetas, cun carril por sentido de 3 metros cada un e beiravías de 0,5 metros.

Ademais, mellorarase puntualmente o trazado con variantes, para aumentar a visibilidade e a perceptividade en tramos concretos da estrada, o que implementará a seguridade viaria. Tamén se prevé a remodelación da intersección coa N-VI, cunha solución que canaliza, cun carril central de espera e cuñas de cambio de velocidade, os dous xiros á esquerda que actualmente se realizan de forma directa.

O Concello de Baralla executará unha senda neste tramo, cuxo deseño foi coordinado coa intervención obxecto deste contrato, facilitándose deste xeito a actuación municipal. A intervención realízase baixo un criterio de respecto co medio, ao discorrer por unha zona con gran valor ambiental e paisaxístico, a ribeira do río Neira, e cunha orografía moi accidentada.

0.20254707336426