A Xunta concede 10.000 euros ao Club de Loita Lugo para a compra dunha furgoneta

LugoXa
A axuda forma parte dun programa autonómico de apoio ao equipamento das entidades deportivas que beneficiou a 25 agrupacións da provincia
Furgoneta-Club-de-Loita-Lugo
18 Mar 2026

A Xunta de Galicia concedeu unha axuda de 10.000 euros ao Club de Loita Lugo destinada á adquisición dunha furgoneta, no marco da orde de subvencións orientadas a colaborar coas entidades deportivas no reforzo do seu equipamento.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse esta tarde con representantes da entidade deportiva para explicar os detalles desta liña de apoio. Segundo indicou, con cargo á convocatoria correspondente ao ano 2025, a Secretaría Xeral para o Deporte apoiou a 25 agrupacións da provincia de Lugo na compra de material para a práctica deportiva, cun investimento total que ascendeu a 126.800 euros.

No caso do equipamento destinado á mobilidade, como furgonetas, vehículos a motor para o transporte de deportistas ou embarcacións, o Goberno galego financia ata o 80% do investimento realizado, cun máximo de 10.000 euros por entidade. Para o resto de material deportivo, o límite das axudas sitúase nos 5.000 euros.

A través deste programa, a Administración autonómica colabora coa modernización e actualización do equipamento empregado polos clubs e federacións para desenvolver as súas distintas modalidades deportivas.

Durante o encontro, Arias lembrou que esta é unha das diferentes liñas de apoio que a Xunta convoca periodicamente co obxectivo de fomentar a práctica do deporte. Neste sentido, destacou que no que vai de ano xa se publicou a orde de subvencións dirixida a clubs, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento para a organización de actividades, cun orzamento total de 2 millóns de euros.

Por outra banda, o equipo feminino do Club de Loita Lugo recibiu recentemente unha achega de 2.000 euros da Fundación The Maturin Family Foundation para financiar a súa participación nos Campionatos de España. A entrega realizouse ao remate da xornada “Women in Sports”, celebrada o pasado venres na cidade co apoio da Xunta e que tivo como obxectivo visibilizar o papel das mulleres no ámbito deportivo.

0.13272619247437