A Xunta convoca novas axudas para os danos do lobo e o xabaril

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Xunta distribuíu 443 axudas en dez meses aos agricultores e gandeiros da provincia de Lugo para paliar os danos causados polo lobo.
lobo 1
4 Jan 2022

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda distribuíu 443 axudas en dez meses aos agricultores e gandeiros da provincia de Lugo para paliar os danos causados polo lobo.

A contía total ascende a 198.238 euros, e corresponde aos expedientes resoltos entre outubro do 2020 e xullo do 2021. A Consellería vén de publicar esta resolución no DOG así como dúas novas convocatorias para paliar os danos do lobo e do xabaril, cun orzamento global de preto de 2,1 millóns de euros.

Unha das novidades da convocatoria para paliar os danos producidos polo lobo é a inclusión dun importe adicional, en concepto de lucro cesante, para o gando bovino e ovino-cabrún reprodutor de carne e leite (femias). Suporá un incremento dun 10% nos importes das reses bovinas con maior afectación polos danos (bovinos maiores de 2 anos) e equinos menores de 4 meses; de case un 12% en ovinos menores de 6 anos (pasan de 59 a 70€); e dun aumento dun 18,6% para os años (103 a 115€).

A convocatoria conta cunha partida inicial de case 650.000 euros, polo que a Xunta mantén o esforzo realizado nos últimos anos tendo en conta o escenario incerto e inseguro xuridicamente que se presentou para o sector desde o mes de setembro, a raíz da publicación da orde do Goberno central que elevou o status legal da especie mediante a súa inclusión na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial.

A orde recolle un ano máis a posibilidade de sufragar os gastos veterinarios das reses que resulten feridas e, de ser necesario no caso de sufrimento grave e irreparable, tamén cubrirá os gastos de eutanasia acreditados e realizados de forma regrada por un profesional. Novamente, serán subvencionables os abortos que sufran as reses, como consecuencia do acto de depredación e tras a correspondente acreditación veterinaria.

1,5 M€ para paliar os danos do xabaril

En canto á orde de axudas para paliar os danos do xabaril sobre cultivos, a nova convocatoria dispón dun orzamento de 1,45 millóns de euros. Unha das novidades é que se incrementa o importe máximo da axuda nun 25%, xa que se fixa nos 2.500 euros, fronte aos 2.000 euros por beneficiario que estipulaba a anterior convocatoria.

Cómpre lembrar que, entre outras medidas, a Xunta declarou o pasado mes de agosto a emerxencia cinexética temporal en 29 comarcas galegas —198 concellos, un 68% da superficie galega— para frear os danos do xabaril, que estará en vigor ata o 27 de febreiro de 2022 se non se suspende antes.

Por último, o pasado 17 de decembro tamén se convocou a orde de axudas para paliar os danos que provoca o oso pardo en explotacións gandeiras e, de forma particular, naquelas dedicadas á apicultura, por un importe de 60.000 euros. Esta é a segunda vez que se convoca esta liña de axudas e dá continuidade á de 2021, que se pechou coa concesión dun total de 25 axudas por un importe de case 37.000 euros.

0.14083504676819