A Xunta confirma que o novo centro de saúde do Sagrado Corazón estará na parcela do antigo colexio

LugoXa
Javier Arias reuniuse coa Asociación de Veciños para informarlles sobre un proxecto, que suporá un investimento de máis de 4,8 millóns de euros
veciños-Sagrado-Corazon-Lugo-Xunta
5 Jun 2025

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, mantivo este xoves unha reunión cos representantes da Asociación de Veciños do Sagrado Corazón, presidida por Alfonso Ibias, para informarlles sobre o proxecto do novo centro de saúde do barrio.

A xuntanza chega tras anos de espera e coincidiu coa recente confirmación do compromiso do Concello de Lugo para ceder a parcela na que se levantará a nova infraestrutura sanitaria, o que permitirá iniciar un investimento que superará os 4,8 millóns de euros.

Arias confirmou que o futuro centro médico se construirá nos terreos do antigo colexio, unha ubicación que contou desde o principio co respaldo da Xunta e do propio tecido veciñal. “Está no corazón do barrio e é un espazo axeitado que contribuirá á súa rexeneración”, destacou o delegado, quen tamén puxo en valor que a parcela permita proxectos futuros pola súa dimensión.

O seguinte paso será que o Concello se faga coa titularidade da parcela e formalice a súa cesión á Xunta. Arias subliñou que o Goberno galego está disposto a asumir a titularidade completa da finca e que xa se avanzou na análise técnica do terreo, sinalando a zona da pista deportiva como a máis adecuada para a construción. Xunta e Concello deberán agora calcular os custos dos accesos e da urbanización, incluídas as demolicións necesarias, cun custo estimado de 1,8 millóns de euros.

O delegado reiterou o compromiso do Executivo galego coa veciñanza e co persoal sanitario que traballa no Sagrado Corazón, e asegurou que a intención é avanzar con axilidade para que o novo ambulatorio sexa unha realidade canto antes.

O novo centro de saúde, cun investimento específico de 3 millóns de euros, contará con 7 consultas de medicina xeral e outras 7 de enfermaría, así como unha consulta de pediatría e outra de enfermaría pediátrica, ademais de sala de mostras e espazos destinados á docencia. Unha vez operativo, atenderá a arredor de 10.000 persoas, tras a reorganización das cotas dos centros de San Roque e Illas Canarias.

⚙ Configurar cookies
0.17678499221802