A Xunta construirá 57 vivendas de promoción pública en Lugo
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda prevé licitar este mes a redacción do proxecto e a dirección de obra das 57 vivendas de promoción pública que construirá na rúa Lorenzo Varela Poeta do barrio do Castiñeiro, en Lugo, e que suporán un investimento estimado de 7,8 millóns de euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, fixo este anuncio hoxe logo de participar no acto de entrega aos adxudicatarios de tres vivendas de promoción pública situadas tamén na cidade de Lugo.
En concreto, entregouse un piso de 77 metros cadrados na rúa Paulo Fabio Máximo con tres dormitorios, garaxe e trasteiro; outro de 71 metros cadrados na Avenida da Coruña, con dous dormitorios, garaxe e trasteiro, e un terceiro de 63,5 metros na rúa Aquilino Iglesias Alvariño, con tres dormitorios e garaxe. Todos eles adxudicáronse en réxime de alugamento.
Arias tamén apuntou que a Xunta está a convocar este ano ata unha trintena de programas de axudas para a adquisición ou mellora de vivendas, poñendo á disposición de particulares, entidades locais e promotores máis de 150 millóns de euros para actuar no eido residencial.
Deste volume total, 22,9 millóns de euros están destinados ás axudas que se abriron o pasado martes para apoiar aos cidadáns na execución de obras de rehabilitación enerxética en vivendas unifamiliares e edificios residenciais, que poden chegar a cubrir ata o 100% do custo da actuación. O prazo para solicitalas esténdese ata o 30 de novembro.
Tamén se porá en marcha este mes un programa de préstamos a propietarios particulares con xuros subvencionados para fomentar a rehabilitación, cun orzamento global de 400.000 euros, o dobre de fondos que en 2021.