A xunta consultiva da Reserva Nacional de Caza dos Ancares celebrou a súa reunión anual

A xunta consultiva da Reserva Nacional de Caza dos Ancares celebrou a súa reunión anual na Delegación Territorial da Xunta en Lugo, coa participación de representantes de varios servizos da Administración autonómica así como das Administracións locais, asociacións de Caza, Montes veciñais en man común ou entidades naturalistas e ecoloxistas, entre outros implicados.
Os técnicos explicaron os traballos que executa Seaga por encargo da Xunta sobre o territorio da Reserva, que se estende polos municipios de Cervantes, Navia de Suarna e parte de Becerreá; apuntaron que afectan a algo máis de 260 hectáreas de terreo e 79 quilómetros de pistas e camiños, e a previsión é que estean rematados a final deste ano.
En concreto, estanse aplicando tratamentos en máis de 70 hectáreas de bosques autóctonos, entre os que destacan as tarefas xa finalizadas para rexenerar 10 hectáreas de carballeira en Vilanova do Pedregal e case 7 de bidueiral no monte de Brego, todas afectadas polo lume no ano 2017.
Igualmente, seméntanse 7,28 hectáreas de centeo repartidas en 28 zonas, e realízanse rozas mecanizadas ou manuais en máis de 183 hectáreas de campas e pasteiros naturais distribuídas en 51 áreas, intercalando zonas sen rozar para refuxio da fauna.
No que respecta ás pistas, nas próximas semanas comezarán os labores de mellora dos camiños entre Piornedo e Campo Redondo (2,4 quilómetros) e entre Piornedo e Moreira (300 metros).
Así mesmo, acométense rozas en 32,5 quilómetros de pistas e sendas, e para rematar sinalizaranse case 44 quilómetros de rutas, marcando o trazado e instalando 30 carteis informativos que axudarán a interpretar o contorno e elementos singulares.
A reunión serviu tamén para avaliar a evolución dos resultados cinexéticos na Reserva durante os últimos dez anos e aprobar o plan anual de caza para a tempada 2025-2026, conforme aos censos de poboacións dispoñibles de rebezo, perdiz e xabaril.