A Xunta contrata o servizo de actividades da aula de natureza do Veral

LugoXa
As accións previstas teñen como fin difundir os valores da Rede Natura 2000 e dos espazos protexidos entre a cidadanía
aula-natureza-o-veral
3 Nov 2024

A Xunta de Galicia adxudicou estes días por case 105.000 euros o servizo para a elaboración e execución de campañas e actividades divulgativas, de sensibilización e de concienciación ambiental a través das aulas da natureza do Veral, en Lugo e Siradella, no Grove.

Cunha vixencia de tres anos —2024, 2025 e 2026— aínda que prorrogable por outro exercicio máis, o obxecto principal deste contrato é contribuír a difundir os valores propios da Rede Natura 2000 e dos espazos naturais protexidos da Comunidade así como da biodiversidade e dos diferentes tipos de hábitats que albergan a través de diferentes accións e do deseño de material específico, como trípticos e dípticos.

Deste xeito, nas dúas aulas da natureza os escolares e grupos organizados que asistan a algunha destas actividades poderán experimentar accións educativas ambientais que teñen como obxectivo fomentar o interese e curiosidade por descubrir e coñecer a contorna, proporcionando para iso materiais e instrumentos adecuados que faciliten e motiven a aprendizaxe e o coñecemento dos espazos protexidos.

En todo caso e aínda que as actividades se desenvolverán principalmente nas propias instalacións de O Veral e Siradella, o contrato tamén prevé que ámbalas dúas aulas teñan unha proxección didáctica fóra do seu espazo. A tal fin resérvase unha bolsa de 300 horas en cada unha delas para este tipo de actuacións, que incluirán desprazamentos a centros educativos, socioculturais ou sedes doutras asociacións e entidades interesadas na materia e pertencentes aos concellos do Lugo e O Grove ou a outros puntos de Galicia.

Segundo consta na memoria xustificativa, o equipo técnico necesario para prestar o servizo deberá estar integrado, como mínimo, por catro persoas: dous técnicos especialistas e dous monitores ambientais.

Función das aulas da natureza

O patrimonio natural e a biodiversidade desempeñan unha función social salientable pola súa estreita relación coa saúde e o benestar das persoas, e pola contribución que fan tamén ao desenvolvemento social e económico de Galicia.

Co fin de potenciar esta función, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático exerce as competencias de divulgación dos valores do patrimonio natural a través das aulas da natureza situadas en espazos naturais protexidos ou áreas amparadas baixo algún instrumento internacional, organizando desde elas actividades de sensibilización e campañas de comunicación.

Estas instalacións melloran a oferta de uso público deste tipo de espazos e contribúen ao desenvolvemento de condutas e actividades positivas orientadas á conservación do medio ambiente, xa que nelas se fomenta a sensibilidade, a creatividade e a capacidade dos visitantes para valorar o medio ambiente.

0.19901704788208