A Xunta convida aos lucenses á xornada que abordará as axudas á vivenda ‘Construíndo Fogar’

LugoXa
La Xunta de Galicia invita a los lucenses a la jornada "Construíndo Fogar" donde se abordarán las ayudas a la vivienda.
construindo fogar lugo xunta
13 Mar 2022

A Xunta de Galicia invita ao tecido social da zona central da provincia de Lugo a coñecer os distintos programas e liñas de axudas en materia de vivenda ás que poden optar os cidadáns e os concellos.

Trátase da primeira das xornadas que se celebrarán na provincia lucense —e a terceira na comunidade, despois de Pontevedra e Ferrol— dos encontros informativos Construíndo Fogar, que organiza a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Neste caso, terá lugar o vindeiro luns, 14 de marzo, ás 10,30 horas, na Delegación Territorial da Xunta en Lugo (ronda da Muralla, 70), e contará coa presenza de persoal técnico do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), para informar dos detalles dunha trintena de liñas distintas de incentivos e resolver as dúbidas dos asistentes.

Ao encontro, aberto ao público en xeral que desexe asistir, están convocados representantes dos concellos de Muras, Abadín, A Pastoriza, Xermade, Vilalba, Cospeito, Riotorto, Meira, Ribeira de Piquín, Pol, A Fonsagrada, Guitiriz, Begonte, Castro de Rei, Rábade, Outeiro de Rei, Friol, Lugo, Castroverde, Baleira, Negueira de Muñiz, Navia de Suarna, Cervantes, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Becerreá, Baralla, O Corgo, Guntín, Palas de Rei, Monterroso, Antas de Ulla, Portomarín, O Páramo, Láncara, Triacastela, Samos, O Incio, Paradela e Sarria.

Tamén están invitadas entidades, como os colexios oficiais de arquitectos, enxeñeiros técnicos e peritos agrícolas; e empresas do sector da vivenda e da rehabilitación edificatoria, como inmobiliarias, xestores de comunidades de veciños e da propiedade e asociacións de empresarios e da construción.

O obxectivo é informar dos requisitos que os beneficiarios de cada axuda deben cumprir, así como dos trámites que deben realizar ante a Xunta para acceder aos incentivos dispoñibles ao abeiro da convocatoria de 2022, tanto dos programas que xa están abertos como daqueles pendentes de publicar a súa convocatoria.

Así, o IGVS dará conta dos programas dispoñibles para fomentar a rehabilitación do parque de vivendas de Galicia. A maioría están dirixidos aos particulares, pero tamén existen outros que son exclusivamente para os concellos.

Asemade, brindarase información sobre as distintas liñas de axudas para facilitar o acceso a unha vivenda en réxime de compra ou de alugueiro.

No encontro tamén se presentarán aqueles programas que benefician de xeito particular aos concellos da comarca, como son as axudas á área de rehabilitación supramunicipal dos Camiños de Santiago, que inclúe case a metade dos concellos convocados, por onde discorren o Camiño Francés, o Camiño do Norte e o Camiño Primitivo; así como as axudas para a adquisición de vivenda en centros históricos, que beneficiará directamente a cinco ámbitos localizados nos concellos de Vilalba, Meira, Lugo, Castro de Rei e Sarria.

A Consellería de Medio Ambiente considera necesarios e fundamentais estes encontros, para dar a coñecer a existencia das liñas de subvencións dispoñibles; animar aos posibles beneficiarios a presentar unha solicitude, ofrecendo información directa, práctica e útil, e sobre todo, para brindar o acceso aos recursos públicos ao destinatario final dos mesmos: a sociedade galega.

0.17983412742615