A Xunta convoca novas axudas para o apoio ás entidades deportivas

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
O pasado ano houbo máis de 1.300 beneficiarias desta medida
Deporte-monforte-axudas
1 Jan 2025

O Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria de axudas a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento deportivo especializado (NADE) de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas, dotada con 2 millóns de euros.

A medida vai dirixida ás entidades inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia (RED), cos datos actualizados. Para poder acceder ás axudas é preciso non ter sido sancionada pola federación no ano anterior á convocatoria por condutas violentas, racistas, xenófobas ou intolerantes provocadas polas persoas asistentes, e non discriminar por razón de xénero nos premios ou recoñecementos que outorguen, entre outros requisitos.

Como novidade, nesta convocatoria requírese ademais estar correctamente inscrita na aplicación Actfis-Galicia Activa (https://actfis.xunta.gal), que sustenta o Rexistro de Instalacións Deportivas de Galicia. Débese tamén ter aprobado o Protocolo de Protección dos Nenos, Nenas e Adolescentes fronte a Violencia no Deporte, e designada a persoa Delegada de Protección correctamente inscrita no RED. En ambos os casos, dáse como prazo para o seu cumprimento o primeiro semestre de 2025.

Os gastos que poden xustificar os beneficiarios son os derivados da súa participación en competicións no ano 2024.

Entre os criterios de valoración que determinan o importe da subvención está a relevancia da actuación deportiva da entidade, o número de deportistas e adestradores federados, a participación nas principais competicións internacionais, o número de deportistas internacionais ou a participación en fases de ascenso.

Así mesmo, hai un conxunto de criterios puntuables non deportivos entre o que destaca as actuacións en prol da igualdade efectiva de homes e mulleres no deporte ou contra a violencia machista. De feito, este ano se prímase novamente nos criterios de valoración o deporte feminino, xa que as licenzas femininas duplican o seu valor na puntuación respecto ás masculinas.

As entidades interesadas en acceder a esta liña de apoio deberán presentar as solicitudes a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal) no prazo dun mes contado a partir de mañá.

A anterior convocatoria desta medida beneficiou máis de 1.300 entidades deportivas. Por unha banda, 1.309 clubs repartíronse preto de 1,8 millóns de euros da primeira liña da convocatoria, con contías de ata 10.000 euros por beneficiario. A través da segunda liña, sete NADE recibiron os 29.999 euros establecidos como achega máxima da liña dirixida a estes centros.

Os NADE responden á necesidade de abarcar e protexer as distintas realidades da preparación da alta dedicación deportiva existente na Comunidade Autónoma. Engloban o conxunto de medios humanos e materiais xestionados por unha entidade deportiva que teña por finalidade a preparación técnico-deportiva orientada ao alto nivel ou ao alto rendemento deportivo.

0.16527700424194