A Xunta de Galicia colabora coas dúas actividades que terán lugar esta fin de semana en Nadela

A Asociación de Veciños de San Xoán de Pena organizan esta fin de semana dúas celebracións especiais en Nadela, que contan coa colaboración da Xunta de Galicia.
O sábado 22 de febreiro arrincará a Feira do Entroido ás 9.30 horas coa apertura dos postos de venda, onde se poderán adquirir produtos típicos da zona. Ás 13.00 horas terá lugar o pregón, que será pronunciado polo cociñeiro Santi Almuiña.
A continuación, os asistentes poderán gozar da música en directo de Diego Flâneur & Under, que interpretarán o seu tema 'Feira de Nadela'.
Xa pola tarde, a xornada continuará cun animado baile e un concurso de disfraces de Entroido. Ademais, ao longo do día haberá música en vivo e non faltarán as tradicionais filloas, preparadas polas filloeiras de Muimenta.
160 anos da Feira de Nadela
O domingo 23 de febreiro, Nadela celebrará unha data moi especial: o 160 aniversario da súa feira. Para festexalo, está programado un xantar popular a base de cocido, seguido de actuacións musicais e baile.
Ademais, inaugurarase unha exposición fotográfica con imaxes históricas desta feira, a única que se mantén activa no municipio de Lugo desde hai máis dun século.
A programación promete unha fin de semana chea de tradición, gastronomía e festa, consolidando a Feira de Nadela como un evento de referencia na zona.