A Xunta de Goberno de Lugo aproba obras en tres parroquias
O Concello de Lugo iniciará obras de mellora viaria nas redes de accesos municipais no rural, concretamente en Prógalo, Vilachá de Mera e Poutomillos, nas que se investirán 141.262 euros, obras que foron aprobadas en Xunta de Goberno Local.
As actuacións, enmarcadas no Plan Único, están destinadas a mellorar o firme da LU-P-2903, en Prógalo, adxudicada por 31.162 euros, así como a rexenerar o pavimento na LU-P-2903 ao Rego de Mera, na parroquia de Vilachá de Mera, onde se investirán 51.731, e a optimizar os firmes na LU-P-2901 en Poutomillos, contratada por 58.369 euros. Todas as obras terán un prazo máximo de execución dun mes.
Estas execucións completan as aprobadas aprobados na Xunta de Goberno Local da semana pasada, para actuar nas estradas de Camoira, Tirimol, Pedreda, estrada entre Conturiz a Cardoso, Corral de Abaixo, San Pedro de Mera, Burgo, Galego e Bascuas. Tamén se está a traballar en obras en Pías, Tirimol e Piugos.
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou a adxudicación a Torsa Capital do servizo de intermediación financeira e xestión do fondo emprendedor municipal de 12 millóns de euros da Estratexia Lugo Transforma impulsada polo goberno de Lara Méndez, no seu compromiso de transformación do tecido produtivo da cidade, hoxe moi dependente do sector servizos, co fin de diversificar a industria e crear novas oportunidades de emprego vinculadas a sectores de alto impacto social e ambiental.
Outro dos acordos adoptados foi a prórroga do servizo de mantemento e conservación e reparación das instalacións deportivas municipais a Repasegur Galicia, cun orzamento de 24.999 euros.
A Xunta de Goberno deu, ademais, luz verde a unha licenza para a reforma de forxado de planta baixa, sustitución do sistema de calefacción e auga quente sanitaria por unha instalación de aerotermia así como variacións da distribución no interior das plantas dun edificio situado na rúa Paseo dos Estudantes, cun orzamento de 26.000 €.