O Concello de Lugo impulsa medidas para reforzar servizos públicos, urbanismo e patrimonio

LugoXa
Entre as iniciativas aprobadas destacan a creación dun Director Xeral de Recursos Humanos, novas licenzas de construción e a bonificación de taxas para a conservación da Muralla Romana
Xunta-de-Goberno-local-Lugo-finais-novembro
19 Nov 2025

A Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo aprobou diversas medidas orientadas a fortalecer os servizos públicos, mellorar a seguridade urbanística e impulsar a actividade económica da cidade.

Entre as decisións adoptadas, acordouse a adaptación das bases específicas das 12 prazas de bombeiros/as condutores/as das últimas ofertas de emprego público, co obxectivo de homoxeneizar e profesionalizar o proceso selectivo. A portavoz municipal, Ana González Abelleira, subliñou que “o obxectivo é que Lugo conte cun servizo de emerxencias moderno, ben preparado e capaz de responder aos retos actuais, reforzando así a seguridade da cidadanía”.

A Xunta tamén deu luz verde á contratación das obras de demolición parcial e reposición da cuberta do edificio situado na Avenida da Coruña, 24, unha intervención realizada por execución subsidiaria ao non asumir a propiedade os traballos necesarios. A actuación dispón dun prazo máximo de catro meses e, segundo a portavoz, “evidencia un urbanismo responsable, no que o Concello intervén cando existe risco ou deterioro, protexendo o benestar da veciñanza”.

No ámbito de persoal, aprobouse o nomeamento dun Director Xeral de Recursos Humanos, que asumirá de forma transitoria o cargo da Asesoría Xurídica municipal. Esta figura permitirá dinamizar un servizo clave nun Concello da dimensión de Lugo, reforzando a xestión administrativa para garantir unha administración áxil e útil para a cidadanía.

No eido urbanístico, tamén se concedeu unha nova licenza para a construción dun edificio de vivendas na Praza de Bretaña, 19, cun investimento superior aos 627.000 euros. O proxecto contempla sete plantas de vivendas, baixocuberta, trasteiros e prazas de aparcamento. Segundo González Abelleira, esta licenza “confirma o dinamismo do urbanismo lucense e a confianza da iniciativa privada, que ve en Lugo unha cidade atractiva para investir, crecer e xerar emprego”.

Finalmente, aprobouse a bonificación das taxas urbanísticas e do ICIO para as obras de conservación da Muralla Romana correspondentes ao período 2025/2026, promovidas pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. A actuación, situada parcialmente no Camiño Primitivo, permitirá continuar co mantemento dun dos bens patrimoniais máis valiosos da cidade.

A portavoz destacou que “o Concello está a demostrar que é posible gobernar con planificación, rigor administrativo e unha visión clara de futuro, tomando decisións que melloran a vida da veciñanza e consolidan un modelo de cidade máis moderna, eficiente e humana”.

⚙ Configurar cookies
0.073592185974121