A Xunta de Goberno local aproba contratos para reforzar as festas do San Froilán e a actividade cultural en Lugo

LugoXa
Cristina López destaca a planificación anticipada para garantir unhas festas de calidade e impulsa iniciativas culturais, turísticas e de participación cidadá na cidade
Xunta-de-Goberno-local-Lugo
9 Jul 2025

A concelleira da Área de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, informou dos asuntos principais aprobados na Xunta de Goberno Local, entre os que destacan varias contratacións destinadas á organización das festas do San Froilán 2025, así como outras medidas para fortalecer a actividade cultural, turística e a participación cidadá en Lugo.

López explicou que o traballo anticipado é fundamental para asegurar unhas celebracións á altura da cidade, permitindo ofrecer servizos de maior calidade, mellorar a organización e optimizar os custos.

Entre as decisións máis salientables figura a prórroga do contrato de subministración da iluminación ornamental para o San Froilán 2025 e o Nadal 2025, cun orzamento de 163.147,87 euros.

Tamén se aprobou iniciar o proceso de contratación dun módulo de duchas que atenderá ás persoas feirantes durante as festas dos anos 2025 e 2026, cun custo de 3.988,16 euros e a opción de prórroga para 2027 e 2028.

Outro dos contratos aprobados é a adquisición dun sistema de medición e control do ruído ambiental en tempo real no recinto feiral para os anos 2025 e 2026, cun investimento anual de 5.499,45 euros.

No ámbito cultural, a Xunta de Goberno outorgou os contratos para a produción e dotación técnica de eventos culturais en vivo, distribuídos en tres lotes, cun importe total que supera os 83.000 euros, para cubrir iluminación, sonorización, persoal e equipamento.

Ademais, prorrogouse o contrato do servizo de xestión e atención ao público nas salas museísticas municipais e na oficina de turismo, que inclúe o Centro de Interpretación da Muralla, o MIHL, a Casa dos Mosaicos, a Porta Miñá, o centro arqueolóxico de San Roque e o punto de información turística estival. Esta prórroga cubrirá o período entre agosto de 2025 e xullo de 2026, cun orzamento anual de 555.000 euros.

Tamén se aprobaron as bases para a concesión de subvencións a asociacións culturais e entidades sen ánimo de lucro que desenvolven a súa actividade no eido cultural, cun orzamento de 15.000 euros e un prazo de 15 días para presentar solicitudes desde a publicación no BOP.

No eido da participación cidadá, validouse o gasto para un obradoiro dirixido ás asociacións veciñais sobre restauración de mobles, que se desenvolverá en catro sesións prácticas para fomentar a aprendizaxe e a colaboración veciñal.

A concelleira destacou que este tipo de iniciativas fortalecen o tecido asociativo e contribúen á cohesión social dos barrios, facendo fincapé na importancia de continuar ofrecendo espazos formativos e de encontro para a cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.10397887229919