A Xunta declara As Nogais zona farmacéutica especial xunto a outros dez municipios lucenses

LugoXa
A medida introduce flexibilidade horaria e axudas para garantir a viabilidade de farmacias no rural
deputados-populares-a-farmacia-das-Nogais-
22 Feb 2026

Os deputados autonómicos do PPdeG Raquel Arias e Enrique Barreiro visitaron As Nogais acompañados polo alcalde, Jesús Núñez, para informar sobre a declaración de zonas farmacéuticas especiais aprobada pola Xunta de Galicia e publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia. A iniciativa ten como finalidade asegurar a prestación de servizos farmacéuticos en condicións de igualdade para toda a poboación, con independencia do seu lugar de residencia.

Na provincia de Lugo son once os municipios incluídos nesta declaración: As Nogais, Baleira, Cervantes, Folgoso do Courel, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Ourol, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín e Samos. A decisión responde ás súas características xeográficas, demográficas e sanitarias, marcadas pola baixa densidade de poboación e o envellecemento.

Raquel Arias explicou que a medida está a contar cunha boa acollida, xa que dispoñer dunha farmacia próxima achega tranquilidade e seguridade, especialmente ás persoas maiores, que constitúen a maior parte da poboación nestas zonas rurais. Ao seu xuízo, supón un novo avance no compromiso do Goberno galego para garantir que toda a cidadanía teña acceso aos mesmos servizos.

Pola súa banda, Enrique Barreiro destacou que o acordo contempla flexibilidade nos horarios, medidas específicas para atender residencias sociosanitarias e unha orde de axudas destinada a apoiar ata 29 farmacias do rural cuxa viabilidade económica podería estar comprometida, co obxectivo de asegurar a continuidade do servizo.

A declaración como zona farmacéutica especial permitirá aplicar condicións específicas en canto á distancia e aos tempos de acceso durante os servizos de garda, así como adoptar medidas particulares para garantir a atención farmacéutica en residencias con menos de 100 residentes.

Os criterios acordados entre a Consellería de Sanidade e os colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia establecen que poderán acollerse aquelas zonas cunha densidade de poboación igual ou inferior a 10 habitantes por km2 e que conten cunha única oficina de farmacia, que todos os establecementos farmacéuticos se atopen en situación de viabilidade económica comprometida ou que, no caso das farmacias do rural, non sexa posible establecer rotación nas quendas de garda.

0.099225044250488