A Xunta declara BIC a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia, recoñecendo o seu valor histórico e cultural para Lugo

Lugo celebrará este domingo, 29 de xuño, a tradicional Ofrenda do Antigo Reino de Galicia por primeira vez coa máxima protección legal que establece a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, despois de que o Consello da Xunta acordara declarala Ben de Interese Cultural (BIC), na categoría de patrimonio inmaterial.
Este recoñecemento oficial chega tras a solicitude de informes a entidades como o Consello da Cultura Galega, o Museo do Pobo Galego, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e a Facultade de Humanidades da USC, sen que ningunha delas presentase alegacións.
A Ofrenda celébrase cada ano en Lugo o domingo seguinte ao Corpus Christi cun acto relixioso e institucional que reúne os representantes das antigas capitais do Reino de Galicia —A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago, Mondoñedo, Betanzos e Tui—. A cerimonia inclúe unha ofrenda ao Santísimo e unha procesión polas rúas da cidade amurallada, como cumprimento dun voto realizado no ano 1669 para garantir unha renda anual destinada a iluminar o Altar Maior da catedral.
A portavoz do Partido Popular en Lugo, Elena Candia, celebrou esta decisión como "un logro colectivo que recoñece unha das nosas singularidades máis representativas". Candia destacou que esta declaración encaixa no modelo de cidade que defenden os populares: "recoñecer o noso, coidalo e convertelo nun recurso turístico e cultural de primeiro nivel".
Desde o Partido Popular lembran que en 2020 promoveron unha acción conxunta cos sete concellos participantes para solicitar este recoñecemento, e que en maio de 2024 volveron presentar unha iniciativa no Pleno do Concello de Lugo co obxectivo de impulsalo definitivamente.
"A Ofrenda representa unha parte esencial do noso pasado, presente e futuro como cidade. É unha mostra máis da implicación da Xunta de Galicia co patrimonio cultural e da súa sensibilidade con Lugo", concluíu a voceira popular.