A Xunta defende a reforma integral da residencia das Gándaras

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, respondeu ás declaracións do alcalde da cidade, Miguel Fernández, para defender a “obra completa de remodelación” que se está a executar na residencia pública de maiores das Gándaras, unha actuación na que a Administración autonómica está a investir preto de 8 millóns de euros co obxectivo principal de mellorar o confort e a calidade de vida das persoas usuarias do centro.
Arias salientou o “importante esforzo inversor” que a Xunta está a realizar para levar a cabo a reforma integral dunha instalación que conta con case medio século de traxectoria. Os traballos inclúen a creación de unidades de convivencia, a habilitación de novos espazos destinados á atención sanitaria e a renovación total da fachada e das carpinterías exteriores do edificio.
O proxecto contempla tamén a mellora da accesibilidade á residencia e a reorganización dos espazos das habitacións situadas entre a cuarta e a oitava planta. Neste sentido, o delegado territorial asegurou que as obras “non van supoñer, en ningún caso, unha diminución do número de habitacións individuais” coas que conta o centro. Ademais, explicou que, unha vez rematada a intervención, procederase á nova distribución dos espazos tendo en conta, na medida do posible, as preferencias das persoas residentes e sempre en función das necesidades de coidados de cada unha delas.
Para Javier Arias, cómpre lembrar que se trata de prazas públicas “postas á disposición de todos os galegos e galegas que as precisen”. Neste contexto, destacou que desde a Delegación territorial mantéñense contactos permanentes tanto coa dirección da residencia como cos propios residentes das Gándaras, aos que se lles informou desde o inicio da reforma prevista, “porque son a nosa prioridade”.
O representante da Xunta subliñou que “unha actuación desta envergadura” permitirá que o centro continúe consolidándose como unha referencia na atención ás persoas maiores na provincia. Nesta liña, lembrou que a residencia das Gándaras foi unha das primeiras de todo o Estado en obter un certificado de calidade que recoñece a súa eficiencia conforme a normas e estándares internacionais.
Arias lamentou tamén o que cualificou como “afán de confrontación permanente” por parte do Concello de Lugo, ao considerar que se aproveita calquera ocasión para menosprezar os investimentos da Xunta na cidade, mesmo cando se trata dunha actuación de grande relevancia social como a reforma da residencia.
Finalmente, o delegado territorial puxo en valor o compromiso da Xunta coa modernización da rede pública de atención ás persoas maiores. Ademais das prazas existentes nas Gándaras, referiuse ás da residencia da Milagrosa, que tamén está a ser obxecto dunha reforma integral cun investimento próximo aos 1,7 millóns de euros, así como ás prazas do centro construído pola Fundación Amancio Ortega no barrio da Residencia, xunto ao CIS, que foron incorporadas á rede pública autonómica.