A Xunta destaca os traballos de prevención de incendios realizados en Baralla

LugoXa
As actuacións permitiron intervir en preto de 200 hectáreas e mellorar máis de 20 quilómetros de pistas forestais
Baralla_prevención-traballos-Xunta
17 Mar 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou o concello de Baralla para comprobar sobre o terreo o resultado das actuacións preventivas realizadas na zona para reducir o risco de incendios forestais. Durante a visita destacou os traballos desenvolvidos no distrito forestal VII A Fonsagrada–Os Ancares, onde se executaron intervencións en preto de 200 hectáreas e se acondicionaron algo máis de 20 quilómetros de pistas.

Segundo explicou a responsable autonómica, dentro destas actuacións leváronse a cabo tarefas de prevención en case 160 hectáreas de faixas auxiliares e noutras 40 hectáreas de cortalumes, co obxectivo de reforzar a protección do territorio fronte ao lume.

A conselleira sinalou que o persoal do servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais da Xunta realiza este tipo de labores de maneira continuada nos 19 distritos forestais de Galicia. Entre estas actuacións inclúense traballos en faixas auxiliares, apertura e mantemento de cortalumes, acondicionamento de pistas forestais, tratamentos silvícolas preventivos, queimas prescritas ou revisión e mellora dos puntos de auga, entre outras tarefas.

Gómez subliñou que todas estas intervencións teñen unha relevancia “fundamental” para reducir o risco de incendios, unha cuestión que cualificou como unha das principais prioridades do Goberno galego. Neste sentido, lembrou que o orzamento destinado á prevención incrementouse este ano nun 50%, superando os 75 millóns de euros.

No marco destas políticas, nas próximas semanas darase a coñecer a nova actualización do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga), un documento no que se recollen, entre outros aspectos, os obxectivos e as liñas de actuación do dispositivo preventivo.

Ademais, a conselleira puxo en valor o novo convenio asinado coa empresa pública Seaga para a xestión da biomasa nas faixas secundarias, que conta cun orzamento anual de 25 millóns de euros, o dobre do que se destinaba no acordo anterior. A través desta colaboración préstase apoio a concellos e propietarios para realizar estas tarefas e cumprir coas obrigas establecidas pola normativa.

Por último, animou aos municipios que aínda non o fixeron a adherirse a este convenio. Na actualidade, segundo indicou, xa solicitaron a súa incorporación 271 concellos galegos, entre os que se atopa Baralla.

0.11982583999634