A Xunta destina 83.000€ a 10 clubes de Lugo para a adquisición de equipamentos deportivos
A Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes vén de resolver a orde de axudas para a adquisición de equipamentos deportivos destinados a clubs e federacións deportivas, que distribúe 83.000 euros entre dez entidades da provincia de Lugo. Así mesmo, destina 210.000 euros a 24 federacións deportivas que estenden o seu ámbito de actuación a toda a comunidade, auspiciando eventos e competicións deportivas ao longo do ano en distintos puntos do territorio.
Estas achegas da Secretaría Xeral para o Deporte facilitan a compra de material específico destinado á participación en competicións deportivas oficiais ou á realización de adestramentos, e de material non específico como transporte ou equipamento de ximnasio e material sanitario.
Os clubs beneficiados en Lugo son o Club de Natación Portamiñá, o Club korbis, Club Atletismo Lucus, Club Judo Lugo, Club Piragüismo Cidade de Lugo, C.B. Sarria, Club Triatlón Cidade de Lugo, Club Fluvial de Lugo, Club de Orientación Compás e Club Estudiantes.
Entre o equipamento adquirido figuran marcadores electrónicos e sistemas de cronometraxe; balizas, sensores e GPS; embarcacións, furgonetas e desfibriladores, ademais de elementos de ximnasia e os propios de cada disciplina.
A Xunta tamén resolverá en breve outra liña de axudas dirixida ao desenvolvemento de actividades deportivas por parte de clubs e núcleos de adestramento deportivos, así como de sociedades anónimas e seccións deportivas. Ademais, mantén o seu compromiso co deporte patrocinando eventos, equipos e a deportistas de alto nivel.
O obxectivo é axudar ás entidades deportivas a manter o nivel competitivo e apoiar o traballo que realizan polo deporte base, potenciando a canteira de deportistas e garantindo a súa continuidade.