A Xunta di garantir a atención no centro de saúde de Navia de Suarna e descarta amortizar a praza vacante

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, afirmou que a asistencia no centro de saúde de Navia de Suarna está garantida en todo momento, tamén durante o período estival, e que se están a realizar xestións para cubrir con persoal fixo a praza actualmente vacante tan pronto haxa médicos dispoñibles, descartando que se vaia amortizar.
Caamaño, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse con concelleiros e representantes do PP local para abordar esta situación.
O Sergas está a desenvolver a programación sanitaria do verán optimizando ao máximo os recursos e procurando garantir a cobertura en todo o territorio. Á escaseza de facultativos de Atención Primaria, que afecta a todo o Estado, súmanse nesta época as vacacións do persoal en activo, unha circunstancia que, segundo indicaron, non impide manter a atención coa maior normalidade posible.
De feito, sinalaron que os pacientes de Navia de Suarna obteñen cita médica para o mesmo día en que a solicitan ou para o seguinte, polo que consideran que non existe unha falta real de atención, a pesar das críticas.
Tanto o conselleiro como o delegado territorial lembraron que a carencia de profesionais é un problema de ámbito estatal que require solucións por parte do Ministerio de Sanidade, aínda que subliñaron que a Xunta está a aplicar todas as medidas ao seu alcance para cubrir prazas de difícil cobertura, como a deste centro de saúde.