A Xunta distingue co selo de excelencia o grao en Veterinaria da USC en Lugo

LugoXa
Román Rodríguez sinalou tamén que o informe do Comité Avaliador Externo avala o traballo realizado nos últimos anos polo Campus Terra
Facultade-de-Veterinaria-Lugo
4 Jun 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, destacou a calidade do grao en Veterinaria que imparte a Universidade de Santiago de Compostela no seu campus de Lugo, unha das tres titulacións que, por primeira vez, reciben o selo de excelencia da Xunta de Galicia, unha distinción que ata o de agora só se concedía a estudos de máster.

Durante o acto de entrega deste recoñecemento ao reitor da USC, Antonio López, o conselleiro puxo en valor o arraigamento desta carreira na cidade de Lugo, a única en Galicia que a ofrece, e sinalou que arredor desta titulación se desenvolve unha intensa actividade investigadora e asistencial a través de centros como o Cebiovet e o Hospital Veterinario Universitario Rof Codina, “que converteron este grao nun referente en España e en Europa”.

No mesmo acto, Rodríguez quixo salientar tamén o papel vertebrador que desempeña a Facultade de Veterinaria dentro do Campus Terra, un campus de especialización cuxa acreditación será renovada por outros catro anos, segundo anunciou o propio conselleiro, que avanzou a publicación da resolución correspondente no Diario Oficial de Galicia o vindeiro luns.

Así mesmo, explicou que, unha vez formalizada a renovación, iniciarase o proceso para actualizar o convenio entre a Consellería e a Universidade de Santiago co obxectivo de seguir apoiando a especialización do campus, mediante unha nova inxección económica de máis de 4 millóns de euros. Esta cifra sumarase aos máis de 8,8 millóns que o Goberno galego leva destinado a este proxecto desde a súa posta en marcha no ano 2013.

Rodríguez sinalou tamén que o informe do Comité Avaliador Externo avala o traballo realizado nos últimos anos polo Campus Terra, aínda que advertiu de que “aínda queda moito por facer, polo que imos garantir un financiamento axeitado para afrontar os novos retos”.

O informe recolle diversas recomendacións para avanzar nesta segunda etapa de acreditación, especialmente en ámbitos como a gobernanza, a docencia, a investigación e a transferencia. Entre elas, proponse reestruturar as comisións e clarificar as competencias da Vicerreitoría de Lugo e da dirección do Campus Terra, así como reforzar a súa visibilidade institucional para dar maior proxección pública ás súas iniciativas.

No eido docente, os expertos suxiren revisar e actualizar a oferta de titulacións para reforzar a identidade especializada do campus, así como avanzar na internacionalización mediante a incorporación progresiva de docencia en inglés. En canto á investigación, incídese en impulsar liñas vinculadas ao enfoque One Health, á ciencia de datos e ás tecnoloxías avanzadas aplicadas ao medio rural, ademais de promover a integración operativa, científica e territorial dos Grupos de Investigación BICAMPUS para fomentar a súa colaboración.

Finalmente, aínda que se recoñece o esforzo do Campus Terra por achegar a investigación ao tecido socioeconómico, o comité avaliador destaca a necesidade de consolidar un sistema estruturado de transferencia de coñecemento, un dos principais desafíos deste novo período de acreditación.

⚙ Configurar cookies
0.11474895477295