A Xunta e a hostalería lucense impulsan un plan de emprego para formar a 100 persoas desempregadas

LugoXa
O programa, financiado con 220.000 euros, prevé unha taxa mínima de inserción laboral do 45 %
reunión-hostaleiros-de-Lugo
9 Feb 2026

A Xunta de Galicia e a Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo colaboran na posta en marcha dun novo Plan Integrado de Emprego dirixido á formación de 100 persoas desempregadas co obxectivo de facilitar a súa incorporación ao sector hostaleiro.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou ao alumnado do curso de axudantes de camareiro que se está a impartir na sede da asociación no marco desta iniciativa, que botou a andar en outubro do pasado ano. O plan contempla o desenvolvemento de 18 accións formativas ao longo dun ano, que se levarán a cabo tanto na cidade de Lugo como en Monforte de Lemos.

Durante a visita, Arias destacou o carácter eminentemente práctico da formación, deseñada para responder ás necesidades reais do mercado laboral. Os cursos abranguen contidos relacionados coa cociña, a atención ao cliente, a manipulación de alimentos, a optimización de rutas de reparto ou a ofimática, entre outros ámbitos directamente vencellados á actividade hostaleira.

O programa inclúe tamén un acompañamento integral ás persoas participantes, que reciben orientación e asesoramento personalizado na procura de emprego, así como formación transversal en idiomas, competencias dixitais, prevención de riscos laborais, relacións laborais, habilidades sociais e intelixencia emocional.

O Goberno galego destina 220.000 euros a este Plan Integrado de Emprego, que fixa como obxectivo acadar unha taxa mínima de inserción laboral do 45% entre as persoas inscritas. O colectivo maioritario entre os participantes é o de persoas migrantes, aínda que tamén se consideran destinatarios preferentes as persoas con discapacidade, aquelas en risco de exclusión social, os menores de 30 anos e as mulleres vítimas de violencia de xénero.

Javier Arias explicou ademais que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración financia outros dous plans integrados de emprego na provincia de Lugo, nos que participan un total de doce concellos, cun orzamento de 220.000 euros en cada caso. O obxectivo destas iniciativas, sinalou, é “mellorar as oportunidades laborais dos participantes cunha formación adaptada ás demandas reais do tecido produtivo local”.

⚙ Configurar cookies
0.080321788787842