A Xunta e Agader abren o prazo para diferentes axudas vinculadas ao agro

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Son varias as axudas que a primeiros de ano abren prazo de solicitude. Moitas delas están dirixidas aos concellos e outras ao particular.
vista abadin monte
30 Jan 2022

Son varias as axudas que a primeiros de ano abren prazo de solicitude. Moitas delas están dirixidas aos concellos pero outras están directamente vinculadas ao particular.

AXUDAS PARA CAMIÑOS

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou esta semana a resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, pola que se convoca o Plan Marco 2022-2023, que contempla preto de 18 millóns de euros en axudas para que os concellos galegos poidan mellorar os seus camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas.

En concreto, a finalidade destas axudas é facilitar a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas, incluíndo actuacións que supoñan un incremento da largura da vía, o  reforzo do firme e terrapléns ou a limpeza das marxes. Porén, quedan excluídas as actuacións en rúas interiores, dentro dos núcleos de poboación. O prazo de solicitude é dun mes.

ALDEAS MODELO

Saíu tamén a resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, que convoca unha nova liña de subvencións dirixida aos concellos galegos para que poidan levar a cabo proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos en aldeas modelo e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria. 

Entre as actuacións que serán obxecto de apoio figuran a instalación, ampliación ou mellora das redes de alumeado público; a construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de espazos públicos como prazas, paseos, rúas ou parques infantís e a pavimentación de vías públicas municipais. Tamén se contempla a rehabilitación de elementos patrimoniais tales como fontes, lavadoiros, muíños ou hórreos; a implantación e mellora de servizos asistenciais para a infancia ou os maiores; a dotación ou mellora de servizos culturais ou a dixitalización de núcleos rurais, entre outras accións.

Os consistorios galegos terán un prazo de presentación de solicitudes dun mes.

ACTIVIDADES NON AGRÍCOLAS

A resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural recolle a convocatoria de 3 millóns de euros en axudas para proxectos de investimento en actividades non agrícolas. Así, poderán beneficiarse destas axudas as microempresas e as pequenas empresas situadas en zonas rurais e persoas físicas que residan nunha zona rural e que estean suxeitas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos. Tamén ten un mez de prazo.

PROXECTOS PILOTO

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución da Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, pola que se convocan as axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías, no ámbito agroforestal. 

Estas axudas concédense cos obxectivos de mellorar a competitividade dos produtores primarios integrándoos mellor na cadea agroalimentaria a través de réximes de calidade, de engadir valor aos produtos agrarios e de facer promoción en mercados locais e en circuítos de distribución curtos, agrupacións e organizacións de produtores e organizacións interprofesionais.

Así, os beneficiarios desta liña de subvencións poderán ser organizacións ou entidades relacionadas coa produción primaria en agricultura, gandería ou silvicultura e empresas ou industrias transformadoras destes sectores, así como da área de enerxías renovables de orixe agrícola e forestal. Os interesados teñen de prazo un mes -contado a partir de mañá- para presentar de forma telemática as solicitudes.

GRUPOS OPERATIVOS

Xa está en marcha a convocatoria de axudas da Axencia Galega da Calidade Alimentaria para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI).

Os beneficiarios destes fondos poderán ser agricultores, gandeiros, silvicultores e organizacións representativas destes, investigadores ou persoas que desenvolvan por conta propia a súa actividade no eido do medio rural. Tamén, empresas do sector agrícola, gandeiro ou forestal e as súas organizacións representativas, cooperativas agrarias e as súas asociacións e outras entidades que demostren intereses no fomento da competitividade da agricultura, na sustentabilidade dos recursos naturais e do clima ou desenvolvemento das economías e comunidades rurais. Os interesados teñen de prazo un mes para presentar de forma telemática a correspondente solicitude.

 

0.17082786560059