A Xunta e o Concello de Friol colaboran para dotar de subministro eléctrico o sistema de saneamento de Roimil

LugoXa | TerraChaXa
O convenio permitirá completar a rede hidráulica, cun investimento de 280.000 euros, e prevese que entre en servizo antes de que remate 2025
Convenio-Concello-Friol-Xunta
9 Nov 2025

A Xunta de Galicia e o Concello de Friol suman esforzos para garantir o subministro eléctrico do sistema de saneamento e depuración do núcleo de Roimil, unha infraestrutura executada por Augas de Galicia cun investimento total de 280.000 euros, cofinanciados entre ambas administracións. Grazas a este acordo, a nova rede hidráulica poderá entrar en funcionamento antes de que finalice o ano 2025.

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Friol, José Ángel Santos, asinaron esta semana un convenio de colaboración que recolle o compromiso do departamento autonómico de achegar apoio técnico e os 16.026 euros necesarios para executar a acometida eléctrica. Pola súa banda, o Concello asumirá a execución das obras e a súa posterior xustificación.

A mellora do sistema de saneamento e depuración de Roimil ten como finalidade estender a rede de tratamento de augas residuais aos lugares do Campo da Feira, O Pazo, Currás e A Penagateira, co obxectivo de dar servizo a vinte vivendas que representan unha poboación equivalente a 200 habitantes. Ademais, grazas ao convenio asinado, Augas de Galicia achegará o financiamento preciso para levar a cabo a conexión das novas instalacións hidráulicas á rede eléctrica.

Durante a reunión, a conselleira e o rexedor tamén abordaron outro proxecto de gran interese para o municipio: a dotación de abastecemento á parroquia do Seixón. Esta actuación, cun orzamento próximo aos 600.000 euros, atópase na fase final de axuste técnico antes de iniciar o proceso de licitación.

Ángeles Vázquez destacou que, aínda que a competencia na prestación destes servizos hidráulicos corresponde aos concellos, a Xunta leva anos ofrecendo apoio técnico e financeiro ás entidades locais que o precisan. De feito, o orzamento de Augas de Galicia para 2026 medrará un 5,5 %, ata acadar os 151,7 millóns de euros, dos cales sete de cada dez destinaranse a actuacións de abastecemento e saneamento —108,7 millóns—, mentres que 73,6 millóns se dedicarán á mellora e construción de infraestruturas hidráulicas.

O organismo autonómico poñerá especial atención aos núcleos rurais, cun investimento previsto de 17,8 millóns de euros en 2026, o que supón un incremento próximo ao 40 % respecto a este ano. O obxectivo é avanzar cara a un rural sostible, mellorando o acceso aos servizos básicos tanto nas contornas rurais dos grandes municipios como nos pequenos núcleos e nas zonas máis dispersas.

⚙ Configurar cookies
0.074404954910278