A Xunta e o Concello de Lugo acordarán un convenio para ofrecer comedor na escola infantil Fingoi 2

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional enviou ao Concello de Lugo un convenio de colaboración que permitirá ofrecer o próximo curso o servizo de comedor na Escola de Educación Infantil Fingoi 2.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, indicou que, se o Concello acepta o acordo, ambas administracións asinarán o convenio para proceder á instalación dunha aula móbil que acollerá provisionalmente o comedor.
Arias explicou que a prestación do servizo de comedor neste centro é unha responsabilidade do Concello de Lugo, pero a Xunta “implicouse para responder á demanda das familias, ideando unha solución que despois de meses de traballo está a punto de facerse realidade”.
Segundo o acordado, a Consellería instalará un módulo desmontable nunha parcela de propiedade municipal anexa ao centro e asumirá os custos do acondicionamento e mantemento durante a vixencia do convenio, que será de dous anos con posibilidade de prórroga dun ano máis. Pola súa banda, o Concello cederá o uso de 100 metros cadrados da súa titularidade e prestará o servizo de comedor.
O delegado lembrou que se trata dunha solución temporal “para atender canto antes á comunidade educativa mentres non se execute o proxecto de ampliación da escola infantil”. Ademais, destacou o compromiso firme da Xunta para colaborar na reforma do inmoble municipal, co fin de que poida ofrecer máis e mellores dotacións educativas.