A Xunta e o Concello de Monterroso avanzan na mellora do servizo de saneamento do municipio
A Xunta de Galicia e o Concello de Monterroso seguen avanzando no proxecto para mellorar o servizo de saneamento que se presta á veciñanza.
Así, nunha reunión que mantiveron recentemente, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, comunicoulle ao alcalde da localidade, Eloy Pérez, que Augas de Galicia está a ultimar a última revisión do proxecto para a mellora do saneamento e da depuración do municipio, que foi adxudicado por máis de 120.000 euros e que inclúe a construción dunha nova EDAR de maior tamaño.
A conselleira e o rexedor coincidiron no obxectivo de dotar de maior capacidade á rede municipal para dar resposta ao incremento de poboación da localidade e á incorporación do saneamento do centro penitenciario.
Segundo subliñou Ángeles Vázquez, a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á súa veciñanza.