A Xunta e os montes de San Miguel de Orbazai colaboran na rexeneración da senda da ruta dos Muíños

A Mancomunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Miguel de Orbazai, xunto coa Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), está a levar a cabo un proxecto de rexeneración dunha senda no contorno do río Mera, cun investimento de 57.600 euros, do cal a Xunta achega o 80% mediante convenio.
As actuacións céntranse na limpeza e roza de vexetación, replaneo do camiño coa apertura de cunetas e a fixación de firme asfáltico e de pedra.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o presidente da comunidade de montes, Pablo González, visitaron o lugar para supervisar os traballos, que permitirán recuperar o acceso á ruta senlleira dos Muíños, un itinerario de gran valor histórico pola importancia dos muíños do río Mera no abastecemento de fariña á cidade de Lugo.
A intervención forma parte do compromiso da Xunta e da comunidade de montes en continuar a posta en valor de espazos naturais e paisaxísticos, complementando proxectos anteriores como o acondicionamento da pasarela do río Mera.