A Xunta eleva o nivel de alerta na provincia para este mércores
A Xunta de Galicia, a través do seu Comité Permanente de Coordinación, no marco das Actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, aumenta o nivel de alerta a nivel 2 (laranxa) na zona isotérmica do Interior da Coruña e nas provincias de Lugo e Ourense, continuando en nivel 3 a zona de Valdeorras.
Na xornada do mércores a zona de Valdeorras permanecerá en nivel de alerta máxima como este martes. Pola contra, as zonas do litoral da Coruña e Pontevedra pasarán a nivel 1 de alerta, debido á redución das temperaturas nocturnas
A Consellería de Sanidade recorda a necesidade de seguir as recomendacións sanitarias e de extremar as precaucións no caso das persoas susceptibles, tales como persoas maiores, sobre todo quen presente dificultade de mobilidade ou estea encamado, nenos e nenas de corta idade, mulleres embarazadas ou persoas con problemas cardiovasculares.
Efectos sobre á Saúde
A exposición a temperaturas excesivas pode provocar problemas de saúde como mareo, cansazo, debilidade, fatiga, cambras musculares, síncope, deshidratación, insolación e golpe de calor.
A gravidade dos trastornos producidos polo exceso de calor vai desde os leves, como edemas nas extremidades, as cambras ou o esgotamento, ata a forma máis grave, que é o golpe de calor.
O esgotamento pola calor prodúcese logo de varios días de calor. Os principais síntomas son sudación excesiva, dor de cabeza, debilidade, fatiga, mareos, náuseas e desmaio.
As cambras musculares do abdome e das extremidades son debidas á perda de sales e electrólitos. Prodúcese cando se súa moito, habitualmente durante una actividade física intensa.
Pola súa parte, o golpe de calor aparece cando o organismo perde o control da temperatura corporal que sobe por riba dos 39°C, provocando dano no sistema termorregulador, cun alto risco de mortalidade. Os síntomas son redución ou cesamento da sudación (síntoma precoz), cefalea, mareo, confusión, taquicardia, pel quente e seca, inconsciencia e convulsións. Neste caso deberase chamar inmediatamente ao 061 e intentar baixar a temperatura con panos fríos humedecidos.
Terase especial vixilancia coas persoas vulnerables, como as persoas maiores e os nenos e nenas moi pequenos, así como as persoas que padecen patoloxías cardiovasculares.
Recomendacións
Recordamos as recomendacións a seguir de forma xeral:
- Beber máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos.
- Evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té e as moi azucradas.
- Evitar comidas copiosas e aumentar o consumo de verduras e froitas.
- Usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiros, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.
- No interior dos edificios permanecerase, a ser posible, en espazos ventilados ou acondicionados, e utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, baixaranse as persianas e pecharanse as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar. Así mesmo, se é posible, utilizaránse ventiladores ou aire acondicionado, .
- Nos momentos de calor máis intensa refrescarase o corpo cunha ducha ou cun baño en auga morna. Ademais, procurarase eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado.
- No exterior dos edificios evitaranse, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducirase a actividade física, procurarase buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a persoas maiores, nin a ningún animal de compaña.
- Así mesmo, convén non ir á praia nas horas de máxima calor (mediodía e as primeiras da tarde). Asemade, Sanidade sinala que nunca se debe quedar durmido tomando o sol. Respecto das cremas de protección, utilizaranse as de maior protección posible, e nunca inferior a quince.
- Recorde que, si ten parentes ou veciños que vivan sos, é conveniente facerlles un seguimento especial estes días, co fin de comprobar que adoitan as medidas recomendadas e o seu estado de saúde é o habitual.