A Xunta emite declaración de impacto ambiental favorable á ampliación do parque eólico de Pol e Castroverde

A Xunta ditou declaración de impacto ambiental (DIA) favorable sobre a ampliación do parque eólico de Monciro, nos concellos lucenses de Pol e Castroverde, condicionada, en todo caso, a que se cumpran tanto o recollido no estudo de impacto ambiental e no resto da documentación avaliada, como os condicionantes e o programa de vixilancia que figuran na presente DIA.
Así consta na resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, que conclúe que, tendo en conta todo o anterior, esta iniciativa empresarial, promovida pola empresa Naturgy Renovables, é ambientalmente viable.
Neste sentido, a DIA foi elaborada no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria do proxecto, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, cun resultado de 12 organismos consultados e co recepción unicamente de dúas alegacións ao expediente.
Froito das consultas realizadas, a maioría dos informes emitidos realizaron a valoración correspondente e estableceron unha serie de condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade. De feito, durante o propio procedemento ambiental o promotor realizou axustes no proxecto para atender as exixencias de distintos organismos e minimizar o impacto na contorna.
Neste sentido, todos os organismos consultados consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera; augas e leitos fluviais; solo e infraestruturas; xestión de residuos ou protección da fauna, vexetación e hábitats, entre outros.
Unha vez emitida esta declaración, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo -a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático- e dáselle publicidade a través do Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería.
O proxecto -cun prazo de execución de sete meses- consiste na execución dun parque eólico de 6,93 megavatios de potencia total nos concellos de Castroverde e Pol (Lugo) composto por dous aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada, incluídos vieiros de acceso e servizo, plataformas de montaxe dos aeroxeradores ou gabias de cableado.
Cómpre lembrar que o obxectivo dunha DIA é avaliar a integración dos aspectos ambientais de cada proxecto e determinar as condicións que deben establecerse para a adecuada protección do territorio e dos recursos naturais tanto durante a execución e explotación como no cese ou desmantelamento das distintas iniciativas.
De feito, calquera proxecto industrial ten un impacto no territorio, pero os seus efectos non poden ser significativos, polo que a DIA é o instrumento encargado de determinar como e de que xeito se poden minimizar, compensar ou mesmo restaurar as zonas afectadas pola súa posta en marcha e durante o seu funcionamento futuro.
Estamos ante un trámite do máis exixente como demostra o feito de que a maioría das declaracións ambientais favorables emitidas pola Xunta inclúen condicionantes xerais e particulares -como é este caso- así como un plan de vixilancia que é de aplicación ao proxecto e cuxo seguimento corresponde ao órgano substantivo.