A Xunta entrega a nova rede de saneamento de Roimil ao Concello de Friol
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia fixo a entrega ao Concello de Friol das instalacións da nova rede de saneamento no núcleo de Roimil.
En breve a propia Conselleria licitará o proxecto para a acometida eléctrica que dará servizo a depuradora, unha vez rematada a conexión eléctrica. "Desde o Concello poñeremos a rede de saneamento a disposición dos veciños para que efectúen o correspondente entronque das vivendas", explicou o alcalde.
Esta actuación, cun prazo de execución de 6 meses, tiña como obxectivo estender a rede de saneamento e depuración de augas residuais aos lugares do Campo da Feira, O Pazo, Currás e A Penagateira.
A rede de saneamento proxectada componse dunha condución principal, 2 colectores que verten ao principal e recollen sendas rúas do núcleo, e 4 ramais secundarios. A rede complétase con 59 pozos de rexistro.
Coa rede están beneficiadas 20 vivendas, que reúnen unha poboación equivalente de 200 habitantes.
A intervención enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Friol.
A Xunta financiou esta actuación nun 80%, ademais de encargouse da contratación e da construción da rede de colectores necesarios para evacuar as augas residuais ata o sistema de depuración previsto, que está formado por unha depuradora de oxidación total.
Pola súa banda, o Concello de Friol contribúe ao financiamento do 20% restante, ao tempo que asumiu a tramitación das autorizacións precisas para posibilitar a súa realización, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións.
As actuacións serán financiadas pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.