A Xunta esixe a Bioenerxía Lugo xustificar a legalidade das súas verteduras en Coeses

A Dirección Xeral de Avaliación Ambiental da Xunta de Galicia outorgou un prazo de dez días a Bioenergía Lugo, empresa que proxecta a construción dunha planta de biometano na parroquia de Coeses, a só 2 quilómetros de Lugo, para que demostre que os seus vertidos se axustan á normativa vixente.
Esta esixencia chega despois de que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil emitise en agosto de 2024 un informe desfavorable sobre o proxecto. Segundo o organismo, a empresa non presentou os planos necesarios sobre o sistema de abastecemento de auga que precisará a planta. Ademais, o documento remitido á Xunta, que ten carácter vinculante, advertía sobre a ausencia de información sobre o sistema de canalización de augas residuais e sinalaba que o punto de vertido proposto podería comprometer as fontes de auga da zona.
O rexeitamento á instalación da planta xerou unha importante mobilización veciñal e política. O pasado 30 de xaneiro, preto de 60 residentes das áreas afectadas trasladáronse ao Parlamento de Galicia para expresar a súa oposición á iniciativa.
Desde o Bloque Nacionalista Galego (BNG), a deputada Montse Valcárcel mostrou a súa preocupación e pediu explicacións ao Goberno autonómico, cuestionando se a Xunta retirará a declaración de Iniciativa Empresarial Prioritaria concedida a este proxecto.
O BNG sostén que esta cualificación, que facilita a axilización de trámites administrativos, debería ser revogada. “Desde a publicación do proxecto e a apertura do período de alegacións, a poboación dos núcleos próximos mobilizouse ante o forte impacto que a posíbel construción da planta tería nos seus fogares”, afirmou Valcárcel. Así mesmo, destacou que se trata dunha actividade "con potencial contaminante e que xeraría cheiros desagradables, algo que a propia empresa recoñece na súa proposta, pese á proximidade das vivendas".
Segundo a documentación presentada por Bioenergía Lugo, o proxecto contempla a emisión de gases contaminantes e o vertido de 76,7 metros cúbicos de augas residuais ao regato de Vilalbite, un afluente do río Miño.
A polémica segue aberta mentres se espera a resposta da empresa aos requirimentos da Xunta.
DECLARACIÓNS DA ALCALDESA DE LUGO, PAULA ALVARELLOS
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, celebrou que "todo parece indicar que a planta de biometano de Coeses finalmente non se levará a cabo. Tras tantos meses de loita, a mobilización dos veciños e veciñas e o traballo conxunto coa Alcaldía están a dar os seus froitos. Trátase dunha gran victoria para os lucenses e as lucenses. Esta decisión é unha boa noticia non só para os veciños e veciñas de Coeses e as parroquias afectadas, senón tamén para toda a cidadanía de Lugo, polas implicacións nocivas que tiña para todo o municipio e a súa contorna", apuntou Alvarellos.
Nas verbas da rexedora, "este desenlace pon de manifesto a forza do movemento veciñal e a importancia da mobilización social. O compromiso e a loita de tantos veciños nos últimos meses parece que finalmente darán os seus froitos, demostrando que cando a cidadanía se organiza e defende os seus dereitos, pode conseguir grandes cousas. Desde Alcaldía estivemos sempre ao seu carón, escoitándoos, ofrecendo apoio e traballando xuntos para evitar que este proxecto saíse adiante".
Por último, a alcaldesa destacou que "resulta preocupante que a Xunta de Galicia declarase prioritario un proxecto que agora se demostra inviable, visto o seu impacto ambiental e as graves deficiencias técnicas que foron sinaladas polos informes. Esta situación reflicte a necesidade de maior rigor e responsabilidade á hora de avaliar este tipo de iniciativas, asegurando que os intereses xerais da veciñanza estean sempre por riba de calquera outro criterio".