A Xunta exhibirá preto de 400 debuxos escolares polo 25º aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade

LugoXa
Os traballos, enviados por centros educativos de Lugo, formarán parte das actividades conmemorativas impulsadas pola Consellería de Cultura
debuxos-alumnado-Lugo-Muralla
5 Dec 2025

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo exhibirá durante todo o mes de decembro arredor de 400 debuxos realizados por alumnado de distintos centros da cidade para celebrar os 25 anos da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade.

O delegado territorial, Javier Arias, agradeceu a implicación dos rapaces e dos colexios nesta iniciativa convocada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dentro do programa de actos conmemorativos que se está a desenvolver estes días.

“O propósito é que os máis novos se sintan parte da homenaxe ao monumento máis simbólico de Lugo”, sinalou Arias. Con esa intención, convidouse os nenos e nenas a enviar unha felicitación en formato gráfico —debuxos, pinturas, collage…— baixo o lema A Muralla de Lugo: un desexo, un recordo, unha felicitación.

O delegado destacou a calidade e creatividade dos traballos presentados, que permanecerán expostos ao longo de todo o mes no corredor da planta de entrada do edificio administrativo da Xunta en Lugo, situado na ronda da Muralla.

Arias tamén puxo en valor a boa acollida da programación organizada polo Goberno galego con motivo deste aniversario, na que sobresae a conferencia do escritor Santiago Posteguillo e o concerto da pianista galega Isabel Dobarro, recoñecida co Premio Grammy Latino 2025 ao Mellor Álbum de Música Clásica por Kaleidoscope.

⚙ Configurar cookies
0.084089040756226