A Xunta exixirá o uso da máscara no deporte ao aire libre

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Xunta permitirá o deporte individual sen máscara en espazos ao aire libre, cando non se concorra con outras persoas.
covid
9 Apr 2021

A Xunta de Galicia sinala que deberá usarse a máscara na práctica de deporte nas vías públicas, como rúas, avenidas, paseos, prazas e camiños de tránsito público, ou outros lugares que sexan lugar de circulación habitual de viandantes e polos que circulen de feito nese momento. Tamén, para as actividades que supoñan un esforzo físico de carácter no deportivo equiparable a este, ao aire libre e de forma individual.

A obriga do uso da máscara non será exixible no caso de deporte individual en espazos ao aire libre, exclusivamente durante a realización da práctica deportiva, sempre que, tendo en conta a posible concorrencia de persoas e as dimensións do lugar, poida garantirse o mantemento, en todo momento, da distancia de 1,5 metros con outras persoas, ou deportistas non conviventes.

No caso particular do consumo de tabaco ou de cigarros electrónicos, ou alimentos e bebidas, na vía pública ou en espazos ao aire libre, só se poderá exceptuar a obriga do uso da máscara, e exclusivamente durante o indicado consumo, sempre que a persoa o efectúe parada e fóra dos lugares habituais de circulación dos viandantes, de tal xeito que, tendo en conta a posible concorrencia de persoas e as dimensións do lugar, poida garantirse o mantemento, en todo momento, da distancia de dous metros con outras persoas. Será aplicable, tamén, para o uso de calquera dispositivo de inhalación de tabaco, pipas de auga, cachimbas e asimilados.

Uso nas praias

A máscara non será exixible no mar, praias e piscinas, no exterior ou cubertas, lagos, embalses, rios ou noutras zonas de baño, durante o baño e mentres se permaneza nun espazo determinado, sen desprazarse, e sempre que se poida garantir o respecto da distancia de seguridade interpersoal entre todas as persoas usuarias non conviventes.

En calquera caso, será obrigatorio o uso da máscara para os accesos, desprazamentos e paseos nas praias e piscinas, lagos e demais entornos acuáticos, así como para o uso de vestiarios de piscinas públicas ou comunitarias, agás nas duchas.

Nos establecementos de hostalaría e restauración, por parte dos clientes do establecemento, non será exixible nos momentos estrictamente necesarios para comer e beber.

Así mesmo, respecto das condicións do uso da máscara, a Xunta remarca que se deberá dar un uso axeitado da mesma, é dicir, deberá cubrir dende parte do tabique nasal ata o queixo, incluído.

Esta normativa sobre o uso da máscara será publicada no Diario Oficial de Galicia de hoxe, e entrará en vigor o vindeiro luns.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1857271194458