A Xunta fixa como festivos propios para 2026 o 19 de marzo, o 24 de xuño e o 25 de xullo

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Faino porque o próximo ano o 1 de novembro (Festa de Todos Os Santos) e o 6 de decembro (Día da Constitución) caen en domingo
festivos-autonomicos-galicia
20 Jun 2025

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2026 e no que se fixan como festivos propios o día de San Xosé (19 de marzo), o día de San Xoán (24 de xuño) e o Día Nacional de Galicia (25 de xullo).

A normativa estatal, fixada polo Real Decreto 2001/1983, establece as 14 festas anuais de ámbito nacional non recuperables, remuneradas e de carácter obrigatorio. Destes 14 festivos, dous son elixidos por cada concello. Dos outros 12 restantes, nove son de carácter obrigatorio e non substituíbles a non ser que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, Venres Santo (3 de abril en 2026), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro. No ano 2026 hai dous festivos nacionais de carácter obrigatorio que coinciden en domingo: o 1 de novembro (Festa de Todos os Santos) e o 6 de decembro (Día da Constitución) que Galicia propón substituír polo 19 de marzo (San Xosé) e o 24 de xuño (San Xoán), tendo en conta que o 17 de maio (Día das Letras Galegas) cae en domingo en 2026.

Os outros tres festivos de carácter nacional son opcionais, é dicir, poden ser substituídos polas comunidades autónomas: o 6 de xaneiro, que en Galicia nunca se cambia, agás que coincida en domingo; o Xoves Santo (que en 2026 se celebrará o 2 de abril), que na Comunidade galega non se modifica de xeito tradicional; e dáselle a opción ás comunidades de escoller como opcional entre o 19 de marzo e o 25 de xullo. A Xunta sempre elixe o 25 de xullo, xa que é o Día Nacional de Galicia, tal e como quedou establecido polo Decreto 8/1978, do 10 de xullo.

Polo tanto, as festas do calendario laboral para Galicia no 2026 que se determinan son: Aninovo (1 de xaneiro), Epifanía do Señor (Día de Reis - 6 de xaneiro), Día de San Xosé (19 de marzo), Xoves Santo (2 de abril), Venres Santo (3 de abril), Festa do Traballo (1 de maio), Día de San Xoán (24 de xuño), Día Nacional de Galicia (25 de xullo), Asunción da Virxe (15 de agosto), Festa Nacional de España (12 de outubro), Inmaculada Concepción (8 de decembro) e Natividade do Señor (25 de decembro). Ademais destes días, cada concello determina dúas xornadas festivas como propias da súa localidade.

⚙ Configurar cookies
0.17208504676819