A Xunta habilita un novo acceso aos permisos de queimas a través do móbil
Xa está dispoñible unha nova forma de tramitar as comunicacións de queimas, accedendo a través da aplicación móbil XuntaEu. Así, os usuarios desta app que seleccionen o botón Contacta coa Xunta terán ao seu dispor, entre outras utilidades, a ligazón de permisos de queimas (Comunicación de queimas - internet), así como o número de teléfono 085, ao que se debe chamar para alertar dun posible incendio forestal.
Unha vez dentro do devandito portal da internet destinado a comunicar as queimas de restos agrícolas amoreados, os cidadáns deberán confirmar que se trata dunha “queima correspondente a palla e/ou material natural, agrícola, non perigoso, utilizado en explotacións agrícolas e/ou gandeiras”.
As comunicacións e autorizacións de queimas a través da web da Consellería do Medio Rural son posibles de acordo co establecido no artigo 34 da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Ademais, en días laborables, tamén está a disposición dos cidadáns o teléfono 012 para comunicar as queimas. Tanto as comunicacións como as autorizacións para efectuar queimas de restos forestais amoreados deixarán de ter validez nos días que hai vento e altas temperaturas.
XuntaEu é unha app pensada para axudar aos cidadáns a relacionarse coa administración electrónica da Xunta de Galicia. Permite, entre outros servizos, xestionar o usuario de Chave365 (cambiar clave de acceso, renovala, modificar o teléfono móbil ou darse de baixa), consultar expedientes e presentacións igual que na sede electrónica, consultar as notificacións electrónicas, outorgar apoderamentos, etc.
Tamén se pode empregar para comprobar a validez dos documentos asinados electronicamente (CVE) ou consultar os certificados ou tarxetas para telos sempre a man. XuntaEu tamén axuda a manter os datos actualizados e seguros, así como avisar de novidades ou citas previas. Para acceder a esta app, que está dispoñible para móbiles Android e iOS, é necesario dispoñer de Chave365 ou DNIe.