A Xunta impulsa a igualdade en centros escolares da provincia con 116.200 euros para actividades de sensibilización

A Xunta de Galicia destina un total de 116.200 euros a financiar actividades orientadas á promoción da igualdade e á sensibilización contra a violencia de xénero dirixidas ao alumnado de centros educativos da provincia de Lugo.
A convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia pola Consellería de Política Social e Igualdade, beneficiará a 36 Anpas e dúas federacións de nais e pais repartidas en 29 concellos lucenses.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que estas achegas económicas permiten que as asociacións desenvolvan propostas formativas e culturais con enfoque en igualdade, dirixidas ás nenas e nenos. Entre as iniciativas programadas destacan desde escolas de familias ata actividades lúdico-educativas que inclúen o uso de videoxogos, música, teatro, baile ou radio. Tamén hai proxectos centrados no uso das tecnoloxías da información, as redes sociais ou a educación afectivo-sexual.
As subvencións, financiadas con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, poden acadar ata 3.000 euros no caso de solicitudes individuais e 6.000 para as presentadas conxuntamente.
Segundo os datos facilitados pola Xunta, estímase que no conxunto de Galicia participarán nas distintas actividades arredor de 36.000 estudantes, que recibirán formación e sensibilización en materia de igualdade e rexeitamento da violencia de xénero a través deste programa educativo.