A Xunta impulsa a inserción laboral de mulleres vulnerables a programas da Asociación Axel

LugoXa | TerraChaXa
Esta iniciativa, financiada con 48.700 euros, desenvolverase en Lugo, Vilalba, A Pastoriza e Rábade
Imaxe recurso mulleres informática
2 Jul 2025

A Consellería de Política Social e Igualdade vén de conceder unha achega total de 67.600 euros a tres programas promovidos pola Asociación de Xóvenes Emprendedores Lucenses (Axel), destinados a acompañar a mulleres en situación de vulnerabilidade no seu proceso de integración sociolaboral.

As subvencións, publicadas nas últimas semanas no Diario Oficial de Galicia, teñen como obxectivo facilitar o acceso ao emprego como vía fundamental para fomentar a autonomía, reforzar a autoestima e favorecer a plena participación das mulleres na vida social e económica.

A actuación principal céntrase especificamente en mulleres vítimas de violencia de xénero e inclúe orientación individualizada, formación laboral, medidas de conciliación e unha axuda económica que facilite a súa implicación activa no programa. Esta iniciativa, financiada con 48.700 euros, desenvolverase en Lugo, Vilalba, A Pastoriza e Rábade, co propósito de lograr, como mínimo, a inserción laboral de cinco das vinte participantes previstas.

Ademais, a Xunta concedeu 8.200 euros ao proxecto “Triple E: Empoderamento, Emprego e Emprendemento”, que deseña itinerarios individualizados para mulleres que atravesan contextos especialmente complexos, ofrecendo apoio personalizado para fortalecer as súas capacidades e abrir novas oportunidades no eido profesional.

A terceira liña de actuación, dotada con 10.600 euros, forma parte do Plan Corresponsables, orientado a facilitar a conciliación familiar en fogares con menores de ata 16 anos. Esta iniciativa prioriza ás familias monoparentais, mulleres vítimas de violencia, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión, e contempla medidas para aliviar a carga dos coidados, un dos principais atrancos no acceso ao mercado laboral para estes colectivos.

⚙ Configurar cookies
0.17706680297852