A Xunta impulsa a investigación arqueolóxica no xacemento de Corro dos Mouros, en Lugo

LugoXa
A campaña actual, financiada con 30.000 euros, continúa os traballos iniciados en 2023 para ampliar o coñecemento deste espazo da Idade de Bronce
xacemento-arqueolóxico-de-Corro-dos-Mouros-Lugo
16 Jul 2025

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) colaboran nunha nova campaña de investigación e documentación no xacemento arqueolóxico de Corro dos Mouros, situado en Santa María Madanela de Adai, no municipio de Lugo, que se estenderá ata este venres 18 de xullo.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, destacou que o Goberno galego destinou 30.000 euros para avanzar no estudo desta estrutura singular, datada ao final da Idade de Bronce.

Os traballos de campo comezaron o 2 de xullo e incluíron tres sondaxes arqueolóxicas que sumaron arredor de 50 metros cadrados, permitindo ampliar a superficie escavada nas campañas anteriores de 2023 e 2024. Durante esta intervención tamén se limpou o muro exterior perimetral no lado norte e se tentou localizar a posible entrada no lado sur. Dirixida pola profesora da USC María Pilar Prieto Martínez, esta campaña rexistrou arredor de 1.200 pezas arqueolóxicas.

Corro dos Mouros, tamén coñecido como O Castrillón, é un xacemento tipo ‘roda’ con forma circular e un parapeto ben conservado que pode alcanzar dous metros de altura nalgúns puntos. As análises sitúan a súa construción no século XIII antes de Cristo, con ocupacións posteriores nos séculos X e IX a.C.

Ademais desta campaña, a Consellería investirá este ano 350.000 euros en máis dunha vintena de intervencións arqueolóxicas na provincia de Lugo, incluíndo escavacións, consolidacións e labores de documentación para a salvagarda do patrimonio.

⚙ Configurar cookies
0.17154312133789