A Xunta impulsa a repoboación do río Ferreira con 12.000 alevíns de troita criados no centro ictiolóxico do Veral

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, participou na solta de 12.000 alevíns de troita común no río Ferreira ao seu paso por Guntín, unha acción que se enmarca no plan do Goberno galego para repoboar os ríos da provincia de Lugo con preto de 300.000 exemplares desta especie ao longo do ano 2025.
Durante a súa intervención, Ángeles Vázquez destacou a importancia destas actuacións, coas que se pretende recuperar poboacións de especies autóctonas en tramos fluviais nos que a súa presenza se viu minguada, ben por vertidos contaminantes, episodios de mortalidade ou pola debilidade ou inexistencia da reprodución natural.
A titular de Medio Ambiente subliñou que, cando as condicións o permiten, a Xunta aposta por unha xestión sostible que fomente a rexeneración natural das poboacións piscícolas, evitando intervencións que poidan alterar a súa diversidade xenética ou o seu estado sanitario.
Os alevíns liberados hoxe no Ferreira, afluente do Miño, foron criados no centro ictiolóxico do Veral, no concello de Lugo. Con catro meses de vida e un tamaño de entre catro e cinco centímetros, estes exemplares forman parte dun total de case 300.000 criados entre este centro e o de Goó, no Incio, durante a presente campaña. Segundo explicou a conselleira, as crías proceden de proxenitores autóctonos capturados previamente nos propios ríos, garantindo así a conservación da biodiversidade local.
Ademais, a Xunta realiza un seguimento constante do estado das poboacións piscícolas galegas para avaliar a súa evolución e determinar a necesidade de futuras accións de repoboación ou de medidas correctoras que garantan o equilibrio dos ecosistemas fluviais.