A Xunta impulsa máis de 500 reformas en centros educativos de Lugo cun investimento de 40 millóns de euros

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o CEIP Rosalía de Castro coincidindo co primeiro día de clase, no que o alumnado de Primaria tivo que acceder de forma escalonada pola porta da rúa Marina Española debido a que aínda non rematara a actuación de acondicionamento que executa o Concello na rúa Cambria.
Arias explicou que a Xunta traballou “coa máxima celeridade para avanzar nas obras dos centros educativos durante o verán, co obxectivo de interferir o menos posible na actividade lectiva”.
Entre estas intervencións, destacou a substitución da cuberta do CEIP As Mercedes, executada “en tempo récord” cun investimento de 500.000 euros, así como o impulso definitivo á rehabilitación integral do IES Lucus Augusti, que se atopa na fase final e rematará en breve cun orzamento que rolda os 3,3 millóns de euros.
O delegado fixo fincapé na “profunda renovación” que a Xunta está a levar a cabo nos colexios e institutos da provincia, con máis de 500 actuacións promovidas desde 2021 e un investimento global que supera os 40 millóns de euros.
Entre as obras relevantes, sinalou a construción do novo salón de actos do IES Lama das Quendas de Chantada, cun custo de 675.000 euros; o cambio de cuberta no CEIP Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo, que supera os 453.000 euros; e a rehabilitación integral do CEIP Plurilingüe Poeta Avelino Díaz de Meira, cun investimento próximo aos 900.000 euros.