A Xunta informa aos empresarios do Ceao e As Gándaras sobre axudas para mellorar os polígonos industriais

Representantes da asociación de empresarios dos polígonos do Ceao e As Gándaras reuníronse co delegado territorial da Xunta, Javier Arias, quen lles informou das axudas convocadas pola Consellería de Economía e Industria para mellorar estas áreas industriais.
Estas subvencións están dirixidas a agrupacións de empresarios, entidades de conservación e comunidades de propietarios dos polígonos. As inversións poderán centrarse na mellora da seguridade e competitividade, incluíndo a obtención de selos ou certificacións de calidade que acrediten que a área cumpre con características superiores e diferenciadas en varios ámbitos.
Os proxectos deberán executarse durante 2025 e 2026, e a Xunta financiará o 80 % do custo das accións subvencionables, cun máximo de 120.000 euros por proxecto.
Javier Arias destacou que o programa pretende “mellorar a xestión e a imaxe dos parques empresariais”, facilitando que as empresas asentadas dispoñan de condicións máis seguras, sostibles e competitivas.
En materia de seguridade, as actuacións poden incluír a instalación de sistemas contra incendios ou inundacións, dispositivos para reducir riscos de accidentes (excepto os relacionados coa circulación viaria), así como equipos de vixilancia ou control de accesos.
Por outra banda, as melloras na competitividade abranguen sistemas de uso común que favorezan a actividade empresarial. As certificacións de calidade, que deben contar con recoñecemento nacional ou internacional, poden enfocarse en áreas como accesibilidade, avaliación de infraestruturas, xestión enerxética, servizos comúns, sustentabilidade ou conectividade, entre outras.
PETICIÓNS DOS EMPRESARIOS
No marco da reunión, os empresarios trasladaron as súas preocupacións e necesidades, como a realización dun mapeo das empresas asentadas nos polígonos, a promoción do sector empresarial ou o seguimento das obras en marcha.
Por iso, o Grupo Municipal do Partido Popular de Lugo reclamou ao goberno local que dea unha resposta urxente ao informe solicitado pola Xunta de Galicia no mes de marzo de 2024 relacionado coa modificación do proxecto construtivo da conexión exterior de saneamento do parque empresarial das Gándaras, unha actuación pendente desde hai preto de ano e medio.
A voceira do Grupo Popular, Elena Candia, amosou a súa preocupación polo bloqueo deste proxecto que considera clave para o desenvolvemento económico da cidade e lembrou que o documento foi aprobado inicialmente o 16 de febreiro de 2024 e sometido a información pública, sendo publicado no Diario Oficial de Galicia o 19 de marzo do mesmo ano.
A Xunta solicitou daquela o informe preceptivo ao Concello de Lugo, segundo recolle a Lei 3/2022 de áreas empresariais de Galicia, pero ata o momento o goberno local non emitiu resposta. De feito, a solicitude foi recibida no Concello o 21 de marzo de 2024 e mesmo reiterada pola conselleira durante unha visita ao polígono o pasado 20 de marzo de 2025, acto no que tamén estivo presente o alcalde.
Desde o PP denuncian que esta falta de resposta está a paralizar a mellora das infraestruturas nos polígonos industriais da cidade e a frear tanto a creación de emprego como o investimento en Lugo. Por iso, anunciaron que presentarán un escrito no rexistro xeral municipal reclamando oficialmente que o Concello emita o informe pendente.
“O solo industrial é unha prioridade para garantir o futuro económico da cidade, e non pode estar secuestrado pola deixadez do alcalde”, asegurou Elena Candia, quen instou ao rexedor a asumir a súa responsabilidade institucional e a desbloquear este trámite esencial para avanzar no desenvolvemento do parque empresarial das Gándaras e do conxunto do tecido produtivo lucense.