A Xunta informa no mercado Quiroga Ballesteros polos dereitos das persoas consumidoras

LugoXa
Un punto informativo convida á cidadanía a coñecer os recursos de asesoramento e defensa que ofrece a administración autonómica con motivo do Día mundial dos dereitos das persoas consumidoras
Dia-Consumo-Lugo-Xunta
14 Mar 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o punto informativo instalado polo Goberno galego no mercado de Quiroga Ballesteros da cidade co gallo do Día mundial dos dereitos das persoas consumidoras, que se conmemora mañá.

Esta iniciativa forma parte dunha campaña impulsada polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia, que colocou postos informativos nas prazas de abastos das sete principais cidades galegas co obxectivo de convidar á cidadanía a coñecer mellor os seus dereitos como persoas consumidoras. Ademais, preténdese dar a coñecer as ferramentas que a administración autonómica pon á súa disposición para ofrecer asesoramento, acompañamento e, se é necesario, apoio na restitución dos seus dereitos.

Durante a visita, Arias destacou algúns dos recursos cos que conta a cidadanía para resolver dúbidas ou presentar reclamacións. Entre eles mencionou o teléfono gratuíto 900 23 11 23, a oficina de atención situada na Delegación Territorial da Xunta en Lugo e os convenios que a administración autonómica mantén asinados coas diferentes organizacións de consumidores de Galicia.

O organismo autonómico tamén desenvolve diversas actividades ao redor desta efeméride. Ao longo deste mes está a levar a cabo un programa divulgativo no que participan arredor de 10.000 alumnos e alumnas pertencentes a 115 centros educativos. Con esta iniciativa, a Escola Galega de Consumo superará amplamente durante 2026 a media anual de 20.000 persoas formadas.

Ademais destas accións formativas, onte celebrouse unha edición especial da iniciativa Venres de Consumo Responde, destinada a resolver consultas e ofrecer información directa á cidadanía.

Por outra banda, a Consellería de Comercio e Emigración presentou este xoves as conclusións do proceso de escoita activa que promoveu para elaborar a Estratexia galega de protección das persoas consumidoras 2026-2030. Este documento, que prevé estar finalizado no primeiro semestre deste ano, está a elaborarse tras manter unha decena de encontros con distintas entidades co fin de construír un texto consensuado.

0.12826991081238