A Xunta inicia a reparación dos danos na Muralla de Lugo tras o desprendemento

LugoXa
Os traballos inclúen a retirada do material afectado, a reconstrución do tramo danado e unha inspección completa do monumento
traballos-derrubamento-Muralla-de-Lugo-Xunta
9 Feb 2026

A Xunta de Galicia iniciou os traballos de reparación na Muralla de Lugo logo dos danos causados polas intensas chuvias rexistradas nos últimos días, que provocaron o desprendemento de pedras nun dos seus tramos. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, desprazouse novamente á zona afectada para comprobar o inicio das actuacións, centradas na retirada do material desprendido e na posterior reconstrución da parte danada.

Segundo explicou Arias, o derrubamento foi consecuencia dunha “situación atmosférica excepcional” e afectou a un lenzo interior que non forma parte do trazado orixinal da Muralla romana. Trátase dun elemento resultado dunha reconstrución realizada a comezos do século pasado co obxectivo de ensanchar o adarve mediante o retranqueo do muro interior.

A área afectada quedou totalmente perimetrada este luns, mentres que o paso polo adarve da Muralla continúa aberto con normalidade. No caso da rúa do Moucho, decidiuse pechar temporalmente o tránsito de viandantes durante uns días para facilitar o desenvolvemento dos traballos e garantir a seguridade das persoas.

O delegado territorial avanzou tamén que, ademais das tarefas de desescombro e reconstrución, se levará a cabo unha inspección completa de todo o trazado da Muralla para verificar se existen danos noutros puntos. Esta revisión realizarase aproveitando os sistemas de monitorización incluídos no Plan Director de conservación e xestión do monumento.

Javier Arias destacou a rapidez da resposta da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ante este episodio e subliñou que “desde o primeiro momento activamos os medios técnicos e humanos necesarios para actuar con axilidade, garantir a seguridade das persoas e preservar a integridade da Muralla”. Incidiu ademais en que se trata “dun ben de valor histórico, cultural e simbólico incalculable para Lugo”, que ocupa un lugar prioritario no compromiso do Goberno galego coa protección do patrimonio cultural, materializado en actuacións continuadas, investimentos sostidos e capacidade de reacción ante situacións excepcionais como a rexistrada.

CRÍTICAS DO BNG

Xunto aos representantes da Xunta, tamén estiveron na zona membros do BNG. O portavoz municipal e tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, incidiu na necesidade de dotar a Muralla dos medios axeitados, ao considerar que existen condicións “claramente mellorables”. Neste sentido, referiuse ás reiteradas queixas pola falta de limpeza e retirada de herbas, “que non son pequenas nin recentes, senón de todo o ano”, unha situación que afecta tanto á conservación como á estética do monumento.

Arroxo lembrou ademais episodios recentes de falta de mantemento, como o apagado das luces da Muralla días antes da celebración do seu 25 aniversario como Patrimonio da Humanidade, e recalcou que o monumento é utilizado a diario pola cidadanía “como unha rúa máis”, tanto para camiñar como para facer deporte, polo que resulta esencial garantir o seu bo estado.

Pola súa banda, a deputada do BNG Olalla Rodil explicou que a visita tiña como obxectivo comprobar sobre o terreo o derrubamento e verificar o cumprimento do compromiso do conselleiro de que as obras comezarían este luns. Indicou tamén que se puxeron en común coa Tenencia de Alcaldía as medidas a seguir e as actuacións que se poderán trasladar ao Parlamento Galego, reiterando a vontade de colaboración interinstitucional.

Rodil destacou que a Muralla é “o emblema e o Patrimonio da Humanidade de Lugo”, pero tamén un símbolo para o conxunto de Galiza, polo que debe ser unha prioridade absoluta. Avanzou que tanto ela como Montse Valcárcel estarán “moi vixiantes” no Parlamento para esixir que o monumento conte con todos os recursos humanos, materiais e económicos necesarios para a súa reparación, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan.

A deputada anunciou ademais un seguimento rigoroso do cumprimento do Plan Director da Muralla, que contempla a súa conservación ao longo de todo o ano, co obxectivo de que este monumento bimilenario se atope nas mellores condicións posibles para resistir o impacto climatolóxico. “Desde o BNG imos manternos vixiantes para que a Xunta cumpra”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.090512037277222