A Xunta inicia a vacinación contra a gripe e a covid-19 nas residencias de maiores da provincia de Lugo

A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de vacinación fronte á gripe e á covid-19 nas residencias de maiores da provincia de Lugo, que xunto cos centros de atención a persoas con discapacidade constitúen os primeiros espazos nos que se está a administrar a inmunización. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro.
O delegado territorial, Javier Arias, visitou a residencia da Milagrosa para explicar que na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos está previsto vacinar nos próximos días a usuarios e traballadores de 52 centros da terceira idade. Como en anos anteriores, os residentes e as persoas con discapacidade reciben a vacina antigripal reforzada. A Consellería de Sanidade incorpora este ano como novidade a ampliación das doses de alta carga a todos os maiores de 70 anos, despois dos resultados positivos acadados co ensaio clínico ‘Galflu’.
A partir do 13 de outubro arrincará a vacinación infantil nos centros de saúde, dirixida a nenos e nenas de entre 6 meses e 11 anos. Como novidade, empregarase tamén a vacina antigripal por vía intranasal, dispoñible para os menores de 24 meses a 11 anos. Ademais, desenvolverase un programa piloto de inmunización nos colexios, que na provincia de Lugo incluirá os centros Vista Alegre de Burela, Virxe do Monte de Cospeito, Dr. López Suárez de Friol, Lagostelle de Guitiriz, Luís Pimentel e San José de Lugo, Nosa Señora da Asunción de Sarria, Landro de Viveiro e a escola infantil de Vilalba.
O calendario da campaña continuará o 20 de outubro coa vacinación de persoas de 70 anos ou máis, persoas inmunodeprimidas, así como profesionais sanitarios e de urxencias. O 3 de novembro será a quenda das mulleres embarazadas e dos menores de 60 anos con patoloxías de risco. A partir do 10 de novembro poderán vacinarse as persoas de 60 anos en diante, o persoal de servizos esenciais e traballadores con exposición laboral. Desde o 1 de decembro inmunizaranse os conviventes de persoas de risco e o resto da poboación.
Durante a súa visita, Arias tamén comprobou o avance das obras de rehabilitación integral na residencia da Milagrosa, que contan cun orzamento de 1,6 millóns de euros. Os traballos, iniciados no verán cun prazo de execución de 18 meses, afectan á envolvente térmica, á cuberta e a diferentes espazos interiores, coa finalidade de mellorar a eficiencia enerxética, a accesibilidade e o confort das instalacións.