A Xunta iniciará o proceso de concentración parcelaria este ano en 5 concellos da provincia
O Consello da Xunta acordou onte impulsar a través da Consellería do Medio Rural avances e novas actuacións de reestruturación parcelaria en Galicia. Así, o Executivo galego prevé decretar un total de 23 novas zonas de concentración ao longo deste ano 2022, que se sumarían ás cinco zonas decretadas o pasado ano 2021.
Así, as 23 novas zonas que se decretarán suporán a reorganización de 19.394 hectáreas de superficie, distribuídas en 99.340 parcelas propiedade de case 14.000 veciños. En canto á súa distribución, 6 destes procesos decretaríanse na provincia da Coruña, 7 na de Lugo, 4 na de Ourense e 6 na provincia de Pontevedra.
Estes novos procesos sumaranse ás cinco parcelarias decretadas o pasado ano, as primeiras desde a entrada en vigor da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia. Desta forma, entre os anos 2021 e 2022 decretaranse 28 novas reestruturacións parcelarias, que abarcan un total de 23.613 hectáreas e 107.655 parcelas de máis de 15.500 titulares.
Na provincia de Lugo, en concreto, está planificado o inicio de novas parcelarias, que xa contan co estudo previo de iniciación finalizado, nos concellos de Abadín (zona de Moncelos), Becerreá (zona de Guilfrei), Castroverde (zona de Riomol), Cospeito (tres zonas en Arcillá, Bestar, Vilar, Sisoi; en Roás e en Lamas) e O Páramo (zona de Friolfe), en función do estudo previo.
Ademais destes 23 novos procesos que se van decretar ao longo deste ano 2022, a Consellería do Medio Rural está estudando outro cento de solicitudes para novas parcelarias, tendo en conta o peso do sector agropecuario da zona, se as explotacións mostran interese nesa reestruturación do territorio e a viabilidade do propio proceso en termos ambientais, entre outras cuestións a ter en conta.
A Xunta está traballando para finalizar os 91 procesos de concentración parcelaria que están abertos a día de hoxe na Comunidade. Neste senso, cómpre destacar que en 55 deles, é dicir no 60 %, os veciños xa están usando as novas parcelas resultantes. Para iso, o Goberno galego destina un orzamento de 12 millóns de euros en 2022, cifra que alcanza os 118 millóns de euros desde o ano 2009.
Balance zonas rematadas
Entre o ano 2020 e o que vai de 2022, a Xunta rematou un total de 22 concentracións parcelarias, que abarcaron unha superficie total de case 16.000 hectáreas, beneficiando a máis de 10.100 propietarios que recibiron arredor de 23.300 títulos de propiedade.
Así mesmo, ao longo deste ano a Xunta ten previsto dar por rematados outros seis procesos de reestruturación -3 na provincia da Coruña, 1 na de Lugo, 1 na de Ourense e 1 na de Pontevedra- que abarcan unha superficie de 2.900 hectáreas e que suporán a entrega doutros 7.203 títulos a 3.426 propietarios.
Novos instrumentos de mobilización de terras
A Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia xa advertía da necesidade de implementar instrumentos capaces de garantir o cumprimento do obxectivo de mellora da calidade de vida no medio rural, apostando por mecanismos que permitisen non só darlle máis valor ás terras, senón que tamén aumentasen a base territorial das explotacións e reducisen considerablemente os seus custos de produción.
Con isto, a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia dá resposta a esta necesidade, ampliando o abano de instrumentos destinados á mobilización e recuperación da terra agraria e proporcionando novos procedementos e medidas para loitar contra o abandono das terras e poñer base territorial á disposición daquelas explotacións que a precisen.
Así, a Lei de recuperación inclúe mecanismos de mobilización como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras. Neste senso, cabe sinalar que a día de hoxe xa son 15 os polígonos agroforestais iniciados -ou en proceso- e 19 as aldeas modelo declaradas. En total, son máis de 5.000 hectáreas de terreo a recuperar.