A Xunta iniciou os ensaios cun bioherbicida para eliminar a vexetación da Muralla de Lugo
A Xunta de Galicia iniciou os ensaios cun bioherbicida a base de ácido pelargónico para eliminar a vexetación da Muralla de Lugo, desenvolvendo así unha das medidas previstas no Plan Director para a conservación do monumento.
O delegado territorial, Javier Arias, explicou que o obxectivo é atopar un método de limpeza respectuoso coa fauna e o medio ambiente e idóneo para calquera época do ano, pensando especialmente na primavera e o verán, a tempada alta de turismo que coincide coa nidificación dos cirrios nos paramentos.
O procedemento está a ser supervisado por especialistas, baixo a dirección do responsable do Plan Director, o arquitecto Ignacio López de Rego. Nunha primeira fase estudáronse no laboratorio os posibles efectos sobre a pedra e o morteiro, con resultados satisfactorios.
Hai quince días procedeuse a probar a súa eficacia en catro cuadrículas delimitadas xunto ao cubo LXXI, fronte ao Edificio Administrativo, das que se está a facer seguimento. A solución aplicada ten en todos os casos o ácido pelargónico como principio activo, pero usáronse distintas técnicas e concentracións segundo os diversos tipos de plantas, densidade ou tipoloxía de morteiro, entre outras consideracións.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude valorará a súa efectividade e incidencia sobre os muros, e se os resultados son positivos estenderase a lenzos enteiros durante a próxima primavera. A última fase consistiría en aplicala sobre todo o perímetro, xa no vindeiro outono, e propoñer a súa incorporación aos protocolos de mantemento.
Mentres tanto, tamén se retomou estes días na mesma zona a limpeza da Muralla cos métodos manuais tradicionais, traballos que cada ano deben interromperse a partir de abril ou maio, a época en que máis medra a vexetación e tamén o momento en que os cirrios retornan aos seus niños ocultos nos muros.
Arias destacou que a Consellería decidiu nos últimos anos non aplicar herbicidas químicos convencionais neste espazo tan transitado, por razóns de saúde pública e de coidado ambiental. Ao respecto, lembrou que no 2019 xa se testaron as propiedades herbicidas doutros produtos naturais a base de aceites esenciais, “e seguimos buscando a mellor solución para a Muralla, que permita compatibilizar os seus valores culturais, turísticos e medioambientais”, apuntou.