A Xunta insta ao Concello de Lugo a que asuma a xestión do aparcadoiro da avenida Breogán

LugoXa
O Goberno galego incide na necesidade de que o Goberno local tramite a titularidade do espazo para poder abrir ao público este proxecto
PP-avenida-Breogán-Barrio-Casás-Lugo
7 Sep 2025

A Xunta insta ao Concello de Lugo a asumir a xestión do aparcamento disuasorio da Avenida de Breogán, tendo en conta que xa finalizaron as obras levadas a cabo polo Goberno galego. Os traballos do aparcadoiro xa remataran en outubro do ano pasado e, ademais, entre abril e maio deste ano executáronse as reformas demandadas polo Concello para corrixir as augas de escorrentía coa implantación dunha obra de drenaxe transversal na rúa Monte Pena Rubia.

Unha vez rematados os traballos, a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, remitiu unha carta o pasado xuño ao alcalde, Miguel Fernández, informando da finalización e recepción das obras.

Así, a Xunta lembra que as obras están rematadas hai meses, polo que insiste na necesidade de que o Goberno local asuma titularidade do aparcadoiro executado no seu termo municipal e, polo tanto, a súa explotación, mantemento e conservación coa finalidade de abrilo e poñelo a disposición da cidadanía.

A Administración autonómica destinou un investimento de case 1,2 millóns de euros na construción do aparcamento disuasorio da Avenida de Breogán, financiado pola UE ao abeiro dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Este espazo permitirá dotar ao barrio da Residencia de 148 novas prazas para estacionar, 14 delas para persoas con mobilidade reducida.

O impulso dos aparcamentos disuasorios como o da Avenida de Breogán forma parte do compromiso da Xunta coa mobilidade sostible, xunto con outras medidas como as sendas peonís e ciclistas ou a mellora da accesibilidade e da conectividade nas paradas de autobús, no marco da Estratexia Galega de Mobilidade.

⚙ Configurar cookies
0.11359310150146